Viveiro, 17 de decembro de 2019. Calzadas en mal estado, beirarrúas deficientes ou inexistentes, falta de sinalización, lixo e maleza. Esta é a paisaxe que ofrece o barrio de Cantarrana, un ámbito urbano moi próximo ao paseo de Covas. Os concelleiros do Partido Popular consideran que o Concello, presidido pola socialista María Loureiro, ten que deixar de mirar para outro lado e afrontar a realidade dun barrio de Viveiro que ten dereito a ter unhas rúas nas condicións esixibles nunha cidade do século XXI. O grupo popular, que ten por voceiro a Óscar Rodríguez, defenderá un rogo na próxima sesión plenaria para que o goberno municipal adopte as medidas necesarias para corrixir as numerosas deficiencias que presenta este amplo espazo urbano, delimitado por la avenida e a rúa Cantarrana, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Alexandre Bóveda e Castelao.
Os concelleiros populares José Soto e Inmaculada Nespereira comprobaron unha vez máis, nesta ocasión por petición directa dos veciños, cal é o estado das rúas e dos servizos en Cantarrana. En resumo, a situación neste barrio de Viveiro, que recibe a numerosos visitantes, é a seguinte no que se refire ás infraestruturas para vehículos: calzadas en mal estado, con pavimentos que nalgún caso teñen fochancas moi considerables e inexistente ou moi deficiente sinalización horizontal e vertical.
En canto ás infraestruturas para peóns: hai tramos de rúa sen beirarrúas e outros nos que o pavimento está en mal estado; as beirarrúas carecen en moitos casos de accesibilidade, é dicir, de ramplas a cota cero para acceso de cadeiras de rodas e similares; pola contra hai ramplas de acceso a garaxes mal feitas e perigosas para os peóns.
O aspecto xeral deste amplo ámbito urbano de Viveiro e de desleixo. Os contedores non son os adecuados para un barrio como este, ou, polo menos, deberían estar situados en illas disimuladas mediante algún tipo de cerco. En todo caso, a calidade da limpeza é moi mellorable. A sensación de desleixo medra debido a que espazos que deberían ser pequenas zonas axardinadas son, na realidade, matogueiras.
Moitos dos residentes nesta parte de Viveiro están sumamente enfadados co goberno municipal. E con motivo, como comprobaron os concelleiros populares. Para corrixir as deficiencias que quedan apuntadas, o grupo popular quere que o Concello execute canto antes as necesarias labores de reparación e renovación de pavimentos, tanto de calzadas como de beirarrúas. Igualmente, debe de procederse a mellorar a instalación dos contedores de lixo, así como acometer unha limpeza en profundidade de todas as rúas. Igualmente, o Partido Popular demanda a mellora da sinalización horizontal e vertical das rúas antes citadas.
Os concelleiros do PP entenden que as primeiras medidas a adoptar poden ser facilmente asumibles pola economía do Concello. Pero a intervención neste barrio precisa accións máis decididas, que deberán ser estudadas xunto cos veciños para a renovación de infraestruturas, instalación de illas soterradas de contedores e humanización do entorno (creación de espazos verdes e para ocio infantil, etcétera).