Lourenzá, 9 de decembro de 2019. O Pazo de Tovar, fortaleza que se atopa na parroquia laurentina de Santo Tomé, acollerá unhas xornadas de portas abertas esta vindeira fin de semana, sábado e domingo. Nelas mostraranse as múltiples alternativas (gastronómicas, decorativas e de diversos espectáculos) que este espazo ofrece para desenvolver nel eventos de todo tipo personalizados e adaptados aos gustos do cliente, como vodas e outras cerimonias.
As xornadas de portas abertas, que se desenvolverán o sábado 14 de 16.00 a 22.30 horas e o domingo 15 de 10.00 a 19.00 horas, están coordinadas polo prestixioso florista e organizador de eventos barcelonés Jordi Ferrán. A asistencia é libre e gratuíta.
O promotor desta iniciativa é Jorge López, xerente e cociñeiro do restaurante O Forno de Tovar, que presentou estas xornadas de portas abertas e explicou que teñen como obxectivos que “a xente vexa as instalacións que temos e as ideas que aportamos para celebrar un evento na nosa casa: haberá unha exhibición de fogos artificiais, amosaremos a nosa carpa transparente cunha decoración moi natural, daremos un aperitivo para que a xente probe a nosa cociña, faremos ademais unha proxección de imaxes con láser RGB nas fachadas do Pazo e así verémolo dunha maneira que nunca se viu, en distintas cores fusionado cos fogos artificiais, un espectáculo que vai lucir moito. Desta maneira o que queremos é achegar o Pazo de Tovar ao cliente, que a xente saiba o que facemos e de que maneira, as estancias que temos, os distintos salóns, nos que podemos ofertar privacidade e tranquilidade, os espazos verdes que temos,…”.
Jorge López destaca que as xornadas desta vindeira fin de semana son “abertas ao público para que todo o mundo que queira veña e saiba quen somos e que podemos ofrecer para diferentes eventos, non só vodas senón tamén comuñóns, bautizos, comidas privadas,… É para darnos a coñecer, aínda que xa temos moita clientela, coa que estamos moi contentos, pero hai unha parte deste lugar que queremos mostrala para que a xente vexa que ten este sitio aquí e que ofrece múltiples posibilidades”. Sobre o coordinador do evento, o florista Jordi Ferrán, comentou que “é un gran profesional amigo desta casa, que nos coordina e asesora e da man del todo sae ben”.
E Jorge López rematou invitando a todos que queiran a asistir ás xornadas de portas abertas e comentou que “nunha hora ou dúas poderán ver todo o que ofrecemos para acoller un evento que vaian organizar ou simplemente poden vir para dar un paseo polo Pazo de Tovar”
Ademais de Jordi Ferrán neste evento colaboran Floristería Sefa, Habana Eventos, Fotos Eduardo de Martís, Instalaciones e Iluminaciones Ventoso e Pirotecnia Reiriz.