Nesta xornada, os bombeiros convidan a toda a cidadanía a que se achegue a coñecer a súa sede, os seus equipos e a forma de traballar deste corpo de seguridade. “Farase un percorrido por todas as instalacións e tamén para coñecer os coches de bombeiros, un reclamo sobre todo para os máis pequenos da casa”, sinalou Marta Rouco, xerente do Consorcio de Bombeiros. Rouco engade que ademais da visita, está previsto un obradoiro sobre prevención de lumes no fogar ás 12.00 horas, “unha actividade que vai ser práctica, pois ensinarase a utilizar un extintor ou daranse as claves de como evitar lumes domésticos adquirindo hábitos seguros”.
Dende o Parque de Bombeiros animan a que participe o maior número de persoas posible porque “ademais de coñecer o noso traballo, que vai máis alá da extinción de lumes, estarán colaborando nunha acción solidaria para axudar ás persoas que máis o precisan nestas datas tan sinaladas”.
O Parque de Bombeiros de Viveiro forma parte do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, do que forma parte a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.