Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba unha proposta socialista para incrementar un 5 por cento a partida de investigación dentro da Consellería do Mar

Santiago de Compostela, 03 de decembro de 2019. O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha moción do PSdeG para que a Consellería do Mar incremente nun 5 por cento a partida destinada á investigación. A proposta foi presentada polo portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, para reclamar maior protección do sector da extracción do berberecho fronte á incidencia do parasito marteilia, que está a danar aos bancos do bivalvo nas rías galegas.

O responsable socialista reclamou un aumento do investimento en investigación para “darlle solución” a un problema que naceu coa aparición do parasito nos Bancos do Ulla, na Ría de Arousa, en 2012, e que a partir de aí variou a súa incidencia sen que se tivera coñecemento dos motivos. Advertiu que “non pode pasar que teñamos que estar outros 7 anos agardando ao último día para saber se hai berberecho ou non”.

Torrado demandou o esforzo do goberno galego para mellorar a eficiencia á hora de darlle resposta á situación e “que non teñan que ser os mariscadores os que teñan que ver in situ o que se atopan sen máis coñecemento”. Criticou neste sentido a “opacidade” coa que o goberno galego xestionou esta crise, sen facer públicos os supostos informes técnicos sobre o comportamento da poboación de berberecho.

Criticou que o goberno galego teña “desaparecido cando aparecen os problemas”, amosándose “ausente dos problemas” mesmo agochando os informes iniciais, e advertiu da “falla de autocrítica” da Consellería, que nos anos difíciles con pouca produción “presumíase dos altos prezos” debido á escaseza de produto, pero que cando había moito produto “tamén presumía, pero desta volta de que había moito berberecho”.

Informes de investigación

Así, a proposta aprobada hoxe inclúe a obriga do goberno galego de remitirlle os informes de investigación tanto ao Parlamento como ás confrarías, que “necesitan de estabilidade, aínda que sexa para transmitir que non hai capacidade de prever a incidencia do parasito ou que as estimacións de extracción non son boas”. Julio Torrado pediulle ao goberno galego que rompa co seu escurantismo precisamente no mellor ano de extracción dende a chegada da marteilia.

A iniciativa tamén obriga ao goberno galego a “realizar e publicar un informe de expectativa de extracción para os vindeiros 3 anos”, o mesmo prazo que se lles require ás confrarías para elaborar os plans de explotación. Explicou que “non pode ser que lles esteamos pedindo planificación e investimento en persoal a tres anos vista sen dicirlles se vai ser posible traballar ou non”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1) Remitir aos grupos políticos representados no Parlamento e a todas as confrarías de Galicia que o soliciten os informes de investigación elaborados dende 2012 sobre a extracción do berberecho e a afectación que a marteilia ten acusado sobre este produto.

2) Realizar e publicar un informe de situación e de expectativa de extracción do berberecho para os vindeiros 3 anos, en previsión da elaboración dos plans de explotación.

3) Elevar un 5 por cento a partida dedicada a investigación da Consellería do Mar nos orzamentos autonómicos mediante os mecanismos que sexan posibles”.

Exit mobile version