Lugo, 22 decembro, 2019. O Grupo Provincial do Partido Popular pide ao presidente da Deputación que convoque de forma urxente aos extraballadores de Suplusa e os sindicatos para explicarlles as condicións coas que pasarán a formar parte de Tragsa, logo de que o dirixente socialista asinase un convenio con dita empresa pública . Así o indica a voceira Elena Candia logo de reunirse, tal e como adiantara en días pasados, cos afectados pola decisión unilateral do goberno provincial, ao tempo que solicita ao mesmo dirixente que aporte tamén a documentación pertinente na que se especifiquen de modo significativo os dereitos laborais que tiñan adquiridos.
Para os populares esta xuntanza debe de realizarse “máis pronto que tarde”, tendo en conta tamén que “as formas” nas que se enteraron de tal decisión os traballadores “non foron as máis axeitadas”, supoñendo supoñendo isto “unha total falta de respecto á súa persoa e ao traballo desenvolvido durante tantos anos”. Proba delo, é que estes coñeceron a súa nova situación laboral a través dos medios de comunicación e non directamente do goberno provincial, que é como debería de ser.
A este respecto, segundo apunta o deputado José Antonio García, consideran que a actuación do goberno confirma “o engano e a traizón que PSOE e BNG fixeron con respecto á liquidación da Sociedade, pois este proceso xustificaráno como unha necesidade de adelgazamento da institución e agora se cambia por un contrato a Tragsa, a cambio de comprar unha acción”.
En contra da filosofía do acordo
Dende o PP reiteran que a decisión de socialistas e nacionalistas vai en contra da filosofía do acordo para a supresión de Suplusa, que incluía a integración dos traballadores na estrutura da Deputación, e total respecto aos seus dereitos laborais. Cómpre lembrar que na mesma non se fixo partícipe á comisión liquidadora da documentación que presuntamente a ampara. E é que tan relevante resolución levouse a cabo sen que os representantes da Deputación mantiveran reunións cos traballadores.