Lugo, 28 de decembro, 2019. O Grupo Provincial do Partido Popular intentará que o pleno da Corporación da Deputación Provincial aprobe na sesión ordinaria do vindeiro martes 31 de decembro unha declaración institucional en apoio a Muebles Hermida.
Os populares sinalan así o seu “apoio do 100% ás reivindicacións dos traballadores” da factoría laurentina, segundo manifestou a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia. A popular recorda que “son preto dun centenar as persoas que se atopan nunha situación delicada” trala entrada da empresa en concurso de acredores. Incluso na xornada de onte o deputado provincial Javier Castiñeira, xunto ao deputado autonómico mariñán Daniel Vega, mantiña unha xuntanza con persoas afectadas e membros do comité de empresa na que se comprometeron a defender as súas reivindicacións: que Fogasa -organismo dependente do Goberno Central- axilice os pagos pendentes que se corresponden cos salarios dos meses de setembro, outubro e novembro.
Castiñeira defende, así mesmo, “a necesidade de traballar conxuntamente para buscar con urxencia unha alternativa que garanta a viabilidade de Muebles Hermida e o mantemento dos 97 postos de traballo que xera na localidade e na comarca”. Nesta liña, o deputado do Grupo Provincial do PP sinalan que “a falta de mercado non é o problema”, xa que “a factoría conta cun mercado definido e unha carteira de arredor de 5.000 clientes; ademais de potencial para competir no mercado global”.
Candia asegura, pola súa banda, que “non podemos quedar calados ante a situación que viven estas familias e que se suma á incerteza que afecta tamén aos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao. É necesario que os representantes políticos sexamos capaces de defenden os intereses dos nosos veciños e veciñas que, no caso da comarca da Mariña, viven dificultades especiais por mor da situación dos postos de traballo de moitas familias”.