Nestas xornadas mostraranse as múltiples alternativas (gastronómicas, decorativas e de diversos espectáculos) que o Pazo de Tovar ofrece para desenvolver nel eventos de todo tipo personalizados e adaptados aos gustos do cliente, como vodas e outras cerimonias. Desenvolveranse mañá, sábado, de 16:00 a 22:30 horas e o domingo de 10:00 a 19:00 horas, con asistencia libre e gratuíta.
O promotor desta iniciativa é Jorge López, xerente e cociñeiro do restaurante O Forno de Tovar, anuncia que “haberá unha exhibición de fogos artificiais, amosaremos a nosa carpa transparente cunha decoración moi natural, faremos ademais unha proxección de imaxes con láser RGB nas fachadas do Pazo e así verémolo dunha maneira que nunca se viu, en distintas cores fusionado cos fogos artificiais, un espectáculo que vai lucir moito. Desta maneira o que queremos é achegar o Pazo de Tovar ao cliente, que a xente saiba o que facemos e de que maneira, as estancias que temos, os distintos salóns, nos que podemos ofertar privacidade e tranquilidade, os espazos verdes,…”.
Jorge López destaca que as xornadas desta fin de semana son “abertas ao público para que todo o mundo que queira veña e saiba quen somos e que podemos ofrecer para diferentes eventos, non só vodas senón tamén comuñóns, bautizos, comidas privadas,… É para darnos a coñecer, aínda que xa temos moita clientela, coa que estamos moi contentos, pero hai unha parte deste lugar que queremos mostrala para que a xente vexa que ten este sitio aquí e que ofrece múltiples posibilidades”.
Ademais de Jordi Ferrán neste evento colaboran Floristería Sefa, Habana Eventos, Fotos Eduardo de Martís, Instalaciones e Iluminaciones Ventoso e Pirotecnia Reiriz.