Viveiro, 23 de decembro de 2019. O Concello de Viveiro sufriu este fin de semana os efectos da borrasca Fabien, sobre todo na noite do sábado ao domingo, e aínda que afortunadamente non se ocasionaron danos persoais, houbo numerosas incidencias.
Debido ás alertas vermella e laranxa, desde o Concello de Viveiro activouse un servizo con persoal do departamento municipal de obras, Policía Local e Protección Civil. No Penedo do Galo rexistrouse o refacho de vento máis forte de Galicia con 163,9 quilómetros por hora.
O persoal do dispositivo actou en numerosas incidencias ocasionadas polo vento, desfeitas e danos materiais no teito da piscina municipal ou o pavillón de deportes Antonio Tarrío, así como nun desprendemento das placas laterais do centro comarcal.
Ocasionáronse tamén incidencias en numerosas infraestruturas viarias pola caída de árbores, que na maior parte dos casos solucionáronse coa intervención rápida despexando os viais. no parque Pernas Peón caeron polo menos tres árbores, un deles cara á zona de circulación do paseo marítimo, que ocasionou o peche no tramo fronte á cantina do cámping, o cal xa se atopa aberto.
Tamén se produciron danos nalgún mobiliario urbano, así como en sinais e paneis informativos, e rexistráronse cortes de luz en núcleos importantes como Covas, a Variante, Magazos ou San Pedro. Xa se procedeu á apertura do Belén e no parque Pernas Peón está a traballarse para restablecer a seguridade.
“Desde o Concello, quero agradecer o traballo realizado pola Policía Local, voluntarios de Protección Civil, servizo de limpeza, bombeiros, servizo de Viaqua e a todos os veciños que colaboraron para solucionar con axilidade os problemas derivados da borrasca”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.