No debate plenario, o voceiro nacionalista Efrén Castro subliñou a contribución do BNG á estabilidade da institución coa aprobación das contas dentro do ano e remarcou que se trata “duns orzamentos para intentar que o goberno da Xunta faga o menor dano posible aos cidadáns desta provincia”.
En referencia ás áreas xestionadas pola formación nacionalista, o deputado sarriao explicou que o investimento da Deputación é “imprescindible para manter o tecido asociativo” e contrapuxo as accións de apoio ao deporte e á cultura de base que se desenvolven desde a entidade provincial á política de “grandes eventos e anuncios” do goberno de Núñez Feijoó.
“Sen os recursos que obteñen a través das liñas de axudas da Deputación, os clubs deportivos e as asociacións culturais non subsistirían”, sinalou en reposta á voceira popular Elena Candia. “Os concellos precisan estes recursos para manter as intalacións nas que vostedes non invisten”, engadiu Castro, quen tamén incidiu nos fondos destinados ao Plan Único, “un instrumento de reparto obxectivo que so funciona alí onde o BNG está no goberno”.