Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro pregunta á Xunta de Galiza pola prohibición co cultivo da pataca en Viveiro

 Viveiro, 17 de decembro, 2019. En marzo de 2019 cumpríase o período dos dous anos de prohibición do cultivo de pataca impostos polo Ministerio de Agricultura e a Conselleria de Medio Rural en 33 concellos galegos, entre eles o concello de Viveiro, afectados pola couza guatemalteca.

A Resolución da Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias de marzo de 2017, estabelecía as zonas infestadas, entre as que se atopaba o concello de Viveiro, e as zonas tampón e implementábanse as medidas para a erradicación e control con respeto á couza guatemalteca da pataca en Galiza, estabelecidas no Real decreto 197/2017 do Ministerio, polo que se creaba o programa nacional de control e erradicación da mesma e prohibía cultivar o tubérculo nas zonas afectadas.

En febreiro de 2019, o Subdirector de Explotacions Agrarias, Nicasio Mejuto, ademais de afirmar que ao longo do 2019 nalgúns concellos da nosa provincia se podería levantar a prohibición do cultivo da pataca, ubicou as zonas peores no tocante á incidencia da praga nos municipios de Burela e Foz, pero sen chegar a aportar máis datos da situación na que se atopaban o resto de concellos da zona, tales como Viveiro.

A Consellería do Medio Rural vén de anunciar o pasado 11 de decembro que vai propór ao Ministerio de Agricultura “proximamente” o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de nove concellos, entre os que desgraciamente non se atopa o de Viveiro, aínda que sí o seu concello limìtrofe Ourol, para a fortuna da súa veciñanza, a pesares de que a Consellería de Medio Rural trasladou á prensa nese mesmo comunicado, que houbo unha “evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada”.

As veciñas e veciños dos concellos que seguen suxeitos á prohibición do cultivo da pataca, como é o caso do concello de Viveiro, lamentan e critican a falta de datos e información oficial ao respecto da situación de Viveiro e o motivo polo que segue a restrición deste cultivo no seu concello, a pesares de terse cumprido os dous anos de prohibición de plantar este tubérculo.

Á vista da falta de transparencia da Xunta de Galiza no desenvolvemento das medidas adoptadas contra a praga da couza guatemalteca, ao longo destes anos de prohibición de cultivo da pataca no Concello de Viveiro, e tendo constatación da preocupación da nosa veciñanza (particulares e produtores) ante a falta de información oficial ao respecto da evolución desta praga e o mantemento indefinido no tempo da prohibición do cultivo da pataca, desde o BNG de Viveiro solicítase ao goberno da Xunta:

.Información sobre as medidas que se implantaron desde o 2017 no concello de Viveiro para a erradicación da praga da couza guatemalteca.

.Tipo e número de controis que se están a realizar.

.Trampas e zonas onde foron instaladas, o nùmero de capturas e os lugares onde apareceron as couzas e última data na que se detectou algún destes exemplares.

.Evolución desta praga no termo municipal de Viveiro desde a súa aparición no ano 2016.

.Previsión do levantamento das prohibicións do cultivo da pataca no concello de Viveiro e nos 14 restantes concellos da Mariña onde se manten esta prohibición.

.Realización de xuntanzas informativas de carácter periódico e público coa veciñanza de Viveiro.

Exit mobile version