Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García: “Os Orzamentos 2020 aplican a mellor política demográfica: dotar de servizos á cidadanía e favorecer o emprego sostible”

 Lugo, 5 de decembro de 2019. O Pleno da Corporación provincial aprobou este xoves, cos votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP, os Orzamentos da Deputación para o ano 2020, uns presupostos de preto de 92M€ que, segundo destacou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, “plasman o proxecto de provincia do Goberno” e aplican “a mellor política demográfica”, que consiste en “dotar de servizos aos veciños e veciñas e favorecer a creación e mantemento de emprego sostible e de calidade”. “Só así se apoia ao rural”, subliñou a Deputada, quen asegurou que o orzamento “é realista é útil porque xorde da visión clara que temos no Goberno provincial das necesidades e das oportunidades que ten a provincia” e porque poderá aplicarse dende o mes de xaneiro.

Mayra García destacou neste senso que aprobar os presupostos en prazo “é unha obriga cara a veciñanza, sobre todo dos pequenos concellos, nos que boa parte da actividade depende da achega e da colaboración da Deputación. O funcionamento normal da Deputación é tamén a garantía do funcionamento normal dos concellos, e de que os veciños e veciñas seguen percibindo os servizos públicos de calidade ós que teñen dereito”.

A Deputada explicou que para dar resposta ás necesidades e aproveitar as oportunidades da provincia, os Orzamentos do vindeiro ano, que suben preto dun 4% con respecto aos deste 2019, priorizan as políticas sociais, a cooperación cos concellos, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores productivos, nomeadamente o primario e o turístico.

Orzamentos sociais
Deste xeito, afirmou, os Orzamentos do 2020 son “profundamente sociais”. Reservan máis de 30M€, o que supón o 33% do total, para políticas sociais, dende benestar, igualdade e emprego a cultura, deporte e educación. Con este investimento “suplimos nunha parte moi importante á Administración que ten as competencias nestas materias, a Xunta de Galicia”, indicou Mayra García.

Dentro do investimento social, o presuposto da Deputación dedica 9M€ para o funcionamento das residencias de Pol, Trabada e Ribadeo, e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e, se fose posible, Meira e Ribas de Sil.

As políticas de emprego contarán con 5M€ para plans de axudas directas á contratación, para formación e para apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos concellos.

A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6M€. Máis da metade deste investimento -1,5M€- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores.

A Cooperación, acción transversal
Os Orzamentos do 2020 teñen a cooperación cos Concellos como acción transversal. O Plan Único, un dos instrumentos en torno aos que se artella esta permanente colaboración cos 67 municipios da provincia, contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes.

O Plan Único establecerá “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos, aprobados no Pleno, entre todos os Concellos lucenses”, afirmou a Deputada de Economía, e estará destinado á dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos; o Servizo de Axuda no Fogar; creación de emprego; actividades turísticas, culturais e deportivas; administración electrónica e para soster outros servizos como Protección Civil.
Mayra García insistiu en que a Deputación “non se cansará de esixir á Xunta de Galicia que implante tamén un sistema de distribución equitativa, xusta e transparente dos fondos públicos coma este, e que deixe de discriminar aos concellos que non son da súa cor política”.

A mobilidade, un dereito
Os Orzamentos de 2020 priorizan a mellora da rede viaria porque, explicou Mayra García, “entendemos a mobilidade como un dereito da cidadanía e como un factor determinante para a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”. Por iso, “facemos un importante esforzo inversor”, detallou, de ata 14M€, para operacións de mantemento e conservación dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial –a máis extensa de España-, para obra nova e para o Parque Móbil, “outro instrumento de cooperación cos concellos moi importante”.

Impulso ós sectores produtivos
Os Orzamentos impulsan sobre todo os sectores produtivos cun maior peso e potencial da provincia, como o son o sector primario e o turístico. En canto á actividade agrogandeira e forestal, reservan 2M€ para, entre outras actuacións, impulsar o centro de recría da Granxa Gayoso Castro; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite; impulsar a creación nas instalacións de Gayoso Castro dunha explotación para potenciar a raza porco celta; implantar na Finca de Tor novas actividades vinculadas á produción ecolóxica; e activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e mellorar así a súa competitividade.

En canto ao sector turístico, os presupostos contemplan 2,4M€ para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un apoio que liderou a Deputación de Lugo dende o ano 2011 e ó que despois se uniron outras institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

Estas grandes liñas de actuación desenvolveranse nun marco orzamentario, subliñou a Deputada de Economía, que mantén a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos e financeiros.

Os prazos
Unha vez aprobados de maneira inicial no Pleno, os Orzamentos serán publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa exposición pública durante 15 días. Se neste prazo non se presentan reclamacións, as contas quedarán definitivamente aprobadas nos primeiros días do 2020 e entrarán en vigor tras unha nova publicación no BOP. De presentarse reclamacións, sería preciso convocar un Pleno en xaneiro para resolvelas e aprobar o orzamento de forma definitiva.

Exit mobile version