Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 200 nenos participan en Burela no Congreso infantil “Conservemos o noso mar”

 Burela, 12 de decembro, 2019. Burela convértese esta semana no centro do sector pesqueiro coa celebración do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca e o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, ambos promovidos pola Fundación EXPOMAR.
A Casa da Cultura de Burela acolleu o xoves pola mañá o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, que ten o obxectivo de divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense e sobre todo concienciar aos máis novos sobre o respecto ao medio mariño. Con grande éxito de participación e asistencia, máis de 200 escolares encheron o auditorio de Burela para tomar a palabra a favor do respeto polo medio ambiente.
O Presidente da Fundación Expomar e Alcalde de Burela, Alfredo Llano, abriu o congreso, que continuou coa intervención da doutora en Historia Contemporánea e profesora do IES Monte Castelo, Herminia Pernas Oroza, “Unha ollada á contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible”.
Os alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme participaron cun concurso de debuxo sobre o mar e as especies mariñas. No CEIP Plurilingüe Vista Alegre os pequenos elaboraron unha escultura realizada con lixo e residuos varios recollidos nas praias da contorna.
Os xoves do IES Monte Castelo presentaron representacións artísticas de casas mariñeiras nas que se traballaban diferentes oficios relacionados co mar. E os alumnos do IES Perdouro exhibiron as fotografías de temática mariñeira coas que participaron no certamen “O Mar Luce”.
Os autores dos traballos seleccionados recibiron os seus diplomas de participación de man do Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e do Delegado Territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.
Para pechar este primeiro Congreso Infantil proxectouse a curtametraxe “Todos os días o mar”, do programa ‘Vidas Mariñeiras’ promovido polos GALP para poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa galega. O documental está realizado polo alumnado de 1º Bacharelato e 4º ESO do IES Monte Castelo de Burela e representa un retrato do día a día da tripulación do palangreiro de fondo ‘Raúl Primero’ no seu duro traballo, dedicado á pesca artesanal no Gran Sol; unha viaxe continua de ida e volta ao mar.
Este congresos encádrase no proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR e financiado polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version