Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez transmite o compromiso do Goberno aos traballadores de Alcoa

 Lugo, 14 de decembro de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anuncioulles aos traballadores de Alcoa a próxima convocatoria dunha mesa de seguemento sobre a planta de San Cibrao. A subdelegada recibiu esta mañá aos representantes dos traballadores de Alcoa San Cibrao, encabezados polo presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, e avanzoulles que o Goberno vai convocar unha mesa de seguemento de Alcoa San Cibrao. A xuntanza celebrarase na subdelegación do Goberno, coa participación do Secretario Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Raül Blanco, o día 15 de xaneiro.

Rodríguez reiteroulles o seu apoio hoxe aos representantes dos traballadores aos que manifestou que comprende e comparte a súa preocupación, e a de todos os veciños e veciñas da comarca da Mariña, respecto do futuro da factoría de San Cibrao.

Ademais, a subdelegada remarcou o firme compromiso do Goberno na defensa do emprego e a actividade industrial na Mariña. Por iso, a subdelegada insistiu na urxencia de formar Goberno en España para aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo. Neste sentido, lembrou que o Estatuto vaise aprobar tan pronto se forme o novo Executivo, tal e como anunciou a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, na visita que realizou en setembro á fábrica de San Cibrao.

Isabel Rodríguez destacou tamén que, mentres non se forme Goberno, o ministerio de Industria, Comercio e Turismo está a adoptar todas as medidas posibles como alternativa ao Estatuto coa finalidade de reducir o prezo da electricidade, como son o incremento de subvencións de costes de CO2 ata o máximo que permite a Unión Europea e a convocatoria de subastas de ininterrumpibilidade.

A subdelegada remarcou que a aposta do Goberno de Pedro Sánchez polo mantenemento da actividade e os postos de traballo en Alcoa San Cibrao queda en evidencia en datos como o feito de que ésta é a empresa que máis fondos recibe en Galicia das axudas por emisións de CO2.

De feito, Alcoa San Cibrao, a través das dúas denominacións (Alúmina Española e Alúminio Español) suma 25,2 millóns de euros de axudas aprobadas polo Goberno no mes de outubro, que supoñen máis da metade destas axudas concedidas á industria galega. Concretamente, o Goberno aprobou para Aluminio Español, S.L 22,790.722,01 euros e para Alúmina Española, S.A. outros 2.398.097,78 euros.

O total de axudas do Executivo por emisións de CO2 á industria galega foi de algo máis de 42,2 millóns de euros e as subvencións concedidas a Galicia supoñen o 25% da cantidade total da industria española, que foi de 172 millóns de euros.

Ademais, a subdelegada lembrou, que neste ano xa se celebraron dúas subastas de ininterrumpibilidade convocadas polo ministerio de Industria por valor de 200 millóns de euros e a Secretaría de Estado de Enerxía acaba de convocar unha terceira poxa que se celebrará do 16 ao 20 de decembro cun prezo de saída de 125.000 euros/MW/ano. Estas medidas van acompañadas de distintas xestións na Unión Europea para evitar que a convocatoria das subastas destinadas aos grandes consumidores de enerxía supoñan a imposición de sancións a España.

Exit mobile version