Site icon Crónica3.com A Mariña

Gala Solidaria Burela-Cabo Verde “Djunta Mô”, este sábado 28

 Burela, 23 de decembro, 2019. O vindeiro sábado 28 de decembro ás 20h, a Casa da Cultura de Burela acollerá a primeira gala solidaria Djunta Mô (xuntar as mans, axudarse unhas a outras) co obxectivo de recadar fondos para enviar un contedor de material escolar e sanitario a Porto Mosquito (Santiago, Cabo Verde) e tamén de homenaxear ás mulleres caboverdianas, matriarcas dos seus na diáspora de Burela e embaixadoras de luxo da cultura de Cabo Verde.

O espectáculo, presentado por Rosalía Castro, contará coa participación das Batuko Tabanka, acompañadas polo grupo burelense-caboverdiano Banda Krioula, e dun grande número de artistas convidadas: Guadi Galego, Ugia Pedreira, Lola de Ribeira, Moreninhas e Álex Djimmy.

A de Álex Djimmy (https://www.youtube.com/watch?v=cN_xKG34qOw) será unha actuación moi especial, xa que se trata dun artista que vén expresamente de Cabo Verde, cuxo pai é mariñeiro residente en Burela, e que está a pasar por unha situación ben complexa: comezou a perder visión aos 17 anos, en Cabo Verde non foron quen de diagnosticalo e actualmente é invidente. Aproveitando a celebración da gala, a organización confía en poder axudalo a ter unha segunda opinión médica.

Tanto a gala como o resto de actividades que se realizarán durante a semana previa (obradoiros de batuko, audiovisual, fotografía, gastronomía, muralismo…) están organizadas polo Colectivo Cultura Tabanka coa colaboración do Concello de Burela, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, da Asociación Cultural Fanto Fantini e da ACIA Burela, con hosteleiros que realizarán unha xornada de tapas caboverdianas o xoves 26 de decembro.

A organización agradece a colaboración altruísta das artistas e de todas as persoas asistentes (os 10€ do bono-axuda serán destinados integramente ás causas citadas). Tamén haberá fila cero para as persoas que queiran colaborar e non poidan asistir á gala.

Exit mobile version