Na conversa que ambos os dous mantiveron esta mañá, e trala que Feijóo lle remitirá a Axenda Galicia –o documento de prioridades aprobado polo Goberno galego antes das últimas eleccións xerais-, o presidente galego esixiu garantías para Alcoa, así como para abordar o conxunto dos asuntos prioritarios da Comunidades, entre eles a débeda pendente ou o AVE a Galicia.
De xeito concreto, referiuse á urxencia de aprobar solucións para Alcoa dada a situación límite na que se atopa. Non en van, tanto a Xunta como os traballadores da primeira industria electrointensiva de España consideran que, se o Executivo estatal non toma medidas esta mesma semana, o peche pode ser inmediato.
Por iso, solicitoulle que o propio Sánchez se poña en contacto coa compañía para amosar o interese e o compromiso de España con que Alcoa manteña a súa actividade no noso país, tal e como fixo o ex presidente Mariano Rajoy, nunha situación moito menos delicada. “Debe facerse ese contacto agora”, resolveu e, tras comunicar o compromiso de Sánchez a facelo, agardou que se produza do xeito máis áxil posible.
“O presidente confirmoume que se é necesario faría unha xestión persoal para trasladar aos directivos de Alcoa o interese do Goberno por manter esta compañía aberta e en funcionamento. E nós esperamos esa xestión persoal e así quero trasladalo porque non imos dubidar da palabra do presidente”, sentenciou.
De forma concreta, reiteroulle a necesidade de que se adopten as medidas necesarias para que os prezos enerxéticos das industrias electrointensivas volvan situarse no mesmo nivel que en 2017, tanto a través da mellora da subasta de ininterrumpibilidade, xa que a actual é a metade da que se convocaba con anterioridade; como permitindo dedicar o máximo permitido pola Unión Europea aos mecanismos de compensación de CO2 e aprobando o estatuto das industrias electrointensivas.
O presidente galego explicoulle que o Goberno de España en funcións non pode ser indiferente a unha ameaza deste calado, tanto polos efectos que pode ter para as 2.000 familias que viven de Alcoa e para toda a economía da provincia de Lugo (na que esta empresa representa máis do 30 % do PIB) como para o conxunto das industrias electrointensivas que tamén están tendo problemas de viabilidade polo contexto enerxético. Só en Galicia, máis de 5.000 familias dependen destas empresas.
Do mesmo xeito, Feijóo recordou que Galicia tamén agarda garantías de futuro para a planta de Endesa en As Pontes, a pesar de que hai posibilidades que seguen sen ser exploradas. Sobre este asunto, o responsable autonómico afirmou que, “sen concretar máis”, só puido confirmar o interese do Goberno central de falar do CO2 a nivel europeo.
Débeda con Galicia e AVE
Núñez Feijóo tamén lle recordou ao presidente en funcións a débeda que o Goberno central segue a manter coas comunidades autónomas, e que en concreto en Galicia ascende a 477M€ (200 dunha mensualidade pendente do IVE, 107 de entregas a conta e 170 dos incentivos sen cobrar por ser comunidade cumpridora. A data de 17 de decembro, Galicia non ten aínda ningunha seguridade de que cobrará o que lle corresponde antes do 31 de decembro e, froito desta situación, sería a primeira vez que Galicia ten comprometido poder cumprir coas súas obrigas de déficit.
Neste ámbito, tras amosar Pedro Sánchez o seu interese en que esta lexislatura nacional sirva para rebaixar a tensión territorial e sexa unha lexislatura de distensión territorial, Feijóo replicou que a primeira decisión que habería que adoptar para lograr este obxectivo debe ser abonar os recursos que se lle deben ás comunidades.
Sobre este punto, o titular da Xunta solicitou durante a conversa que nos vindeiros días, desde o ministerio de Facenda se transfira ás comunidades todos os importes que adebeda, especialmente o IVE, “xa que non é posible iniciar unha lexislatura de distensión territorial se o Goberno central é o primeiro incumpridor e o responsable de que todo o Estado autonómico incumpra ás regras de déficit público para o ano 2019”, abundou.
En terceiro lugar, tamén falaron de infraestruturas, un asunto sobre o que Feijóo trasladou a inquietude dos galegos pola situación do AVE, que segundo o compromiso adquirido polo Goberno central debería estar en probas antes de que remate 2019 e, a menos de quince días para que venza ese prazo, todo indica que se vai incumprir. E incidiu en que o tren de alta velocidade seguirá sendo prioritario para o Goberno galego.
“Trasladaremos o documento da Axenda de Galicia, que contén todo o paquete industrial –Alcoa, Endesa e Ence-; o paquete de infraestruturas –co tren de alta velocidade- e outras cuestións como son os fondos europeos, a política de pesca e o Xacobeo 2021”, dixo, facendo fincapé no desexo de que a xestión con Alcoa se produza, e produza algún efecto; e de que se tomen en serio os problemas das empresas electrointensivas en Galicia, que afecta a 5.000 traballadores. “Pero, neste momento, non teño garantías para Alcoa, nin para Endesa snin para a finalización do AVE”, sentenciou.
A pesar da ausencia de garantías para os temas concretos que abordaron, o presidente galego trasladaralle o documento completo co resto de asuntos que conforman a Axenda Galicia, ao entender que son temas imprescindibles para os que un Goberno, aínda que estea en funcións, debe ter unha resposta.
Garantir a gobernabilidade
Respecto ao contexto político nacional, o presidente da Xunta de Galicia compartiu a percepción de que, lonxe de buscar un “Pacto da Moderación, constitucional”, Pedro Sánchez seguirá pola senda do abrazo coa extrema esquerda e do apoio nos partidos independentistas.
“A miña percepción é que seguirá cos seus socios de Podemos e con ese apoio nos partidos independentistas. Creo que esa senda de: partidos independentistas máis esquerda radical é a que busca para atopar os votos suficientes e superar a sesión de investidura”, dixo, incidindo en que ese acordo sería “o peor acordo en 40 anos de democracia en España”; “sería un acordo malo para os intereses da Nación e para os intereses bilateriais de Galicia co Goberno central”.