Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo expón a situación de emerxencia do sector electrointensivo e urxe ao goberno que cumpra o comprometido: estabilidade nos prezos da enerxía, máis presuposto para CO2 e a aprobación dun estatuto

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co presidente de Alcoa, Álvaro Dorado.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe a situación de emerxencia na que se atopa o sector electrointensivo e urxiu ao Goberno central que cumpra co comprometido: estabilidade nos prezos da enerxía e volver ao sistema de interrompibilidade anterior, máis presuposto para CO2 e a aprobación de xeito inmediato dun estatuto electrointensivo.

Tras unha reunión co comité de empresa de Alcoa San Cibraro, na que tamén estivo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, Feijóo aseverou que con estes instrumentos garántese a estabilidade da compañía, recordando que Alcoa en Avilés e na Coruña xa non fan aluminio primario; “e o que falta é que tamén se peche a única industria de aluminio primario que existe en España que é Alcoa en San Cibrao”, sentenciou, facendo fincapé na necesidade de volver garantir o prezo da enerxía a 35€/megavatio, cando agora está por riba dos 50€/megavatio.

“Íamos ter un estatuto electrointensivo no mes de abril e estamos en decembro e non temos noticias; plantexouse unha poxa de interrompibilidade coas mesmas condicións que a poxa anterior e resulta que, en vez de sacar 2.300 megavatios, sacáronse 1.000 megavatios. Nin estatuto electrointensivo, nin poxa de interrompibilidade, nin esgotar as contías admitidas por Europa para indemnizar por CO2”, explicou, insistindo en que ningún destes instrumentos se están empregando conforme aos compromisos que o Goberno asumiu coa Xunta e con Alcoa.

Feijóo expresou a preocupación ante a ausencia dunha política industrial e enerxética por parte do Estado. “E o que é máis grave, a política enerxética e industrial que está mostrando está destruíndo o emprego industrial non só en Galicia, senón en toda a cornixa cantábrica: en Asturias, en Cantabria e en Galicia”, matizou, trasladando o desexo de que o Goberno central pare esta deriva e indiferenza prexudicial para os traballadores, as familias, as comarcas e para a economía galega e española no seu conxunto.

Exit mobile version