Foz, 10 de decembro de 2019. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe a nova residencia de maiores con centro de día do Concello de Foz. Unhas instalacións financiadas pola Xunta de Galicia con 2,5 millóns de euros e que incrementan a atención residencial e diúrna da zona con 40 prazas de residencia e outras 40 de centro de día.
A conselleira sinalou que este centro pretende mellorar tamén a atención na comarca da Mariña ao beneficiar, non só aos veciños de Foz, senón tamén aos concellos da contorna como Alfoz, Ferreira e San Cosme. Fabiola García lembrou que o Goberno galego continúa ofrecendo ás persoas maiores todos os servizos necesarios para pasar esta etapa das súas vidas onde e como desexen.
Neste sentido, destacou que a Administración autonómica tamén traballa para darlle todas as facilidades a aquelas persoas que deciden seguir vivindo nas súas casas. Para iso, a Xunta ten impulsado iniciativas como o Servizo de Asistencia no Fogar que atende a 24.000 persoas en toda Galicia; o programa Xantar na casa, que achega un menú equilibrado e saudable a usuarios de 177 municipios; ou o autobús de Coidados porta a porta que percorreu durante este ano 20 concellos de Galicia e que nos próximos meses percorrerá 200 novas localidades para ofrecer coidados gratuítos de podoloxía, optometría e de estimulación da memoria.