Muras, 3 de decembro, 2019. A voceira do PP en Muras, Eugenia Requeijo, adianta que a Xunta de Galicia acometerá a mellora da cuberta do Ceip Antía Cal o vindeiro verán. Este foi un dos asuntos abordados na reunión que a popular mantivo en días pasados co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e na que acadou o compromiso deste, como máximo representante do Goberno galego na provincia, para a execución deste proxecto.
Eugenia Requeijo recolle así o sentir da comunidade educativa que, a través de distintas vías, expresou a necesidade de realizar esta mellora, dando traslado ao organismo que ten competencias na materia pero, sobre todo, obtendo “solucións que é o que lles importa aos pais, mestres e ao Partido Popular”.
“Os partidos políticos estamos para isto. Con independencia da nosa responsabilidade, sexa esta a de goberno ou de oposición, debemos de ter unha vocación de servizo público. Isto é no que estamos centrados e por iso provocamos a reunión con Balseiro, do que teño que dicir, non só se amosou receptivo ás nosas demandas, senón que puxo enriba da mesa prazos para as obras da cuberta. Por tanto, a sensación é dobremente positiva, xa que do compromiso tamén se deduce que a Xunta de Galicia entende as necesidades dun Concello pequeno como o noso”, conclúe.