Site icon Crónica3.com A Mariña

Escolares de Burela traballan a favor da conservación dos mares

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Burela, 10 de decembro, 2019. Este xoves 12 de decembro celébrase en Burela o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, promovido pola Fundación EXPOMAR co obxectivo de divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense e sobre todo concienciar aos máis novos sobre o respecto ao medio mariño.
O maior protagonismo deste evento recaerá nos alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos de Burela, que desde hai semanas xa traballan en diferentes proxectos que presentarán ao longo do Congreso baixo o concurso “O Mar Luce”.
Os alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme participan cun concurso de debuxo sobre o mar e as especies mariñas. No CEIP Plurilingüe Vista Alegre os pequenos están traballando na elaboración dunha escultura realizada con lixo e residuos varios recollidos nas praias.
Os xoves do IES Monte Castelo presentarán representacións artísticas de casas mariñeiras nas que se traballaban diferentes oficios relacionados co mar. E os alumnos do IES Perdouro concursan nun certame de fotografía de temática mariñeira.
Ademais destas actividades, desde mediados de novembro tódolos centros educativos de Burela recibiron a visita de membros dea “Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa”, que contaron vivencias dos seus tiempos no mar, ensinaron as diferentes artes de pesca tradicionais e realizaron obradoiros para aprender a facer nudos mariñeiros.
No Congreso Infantil deste xoves, que serve como aperitivo do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, que se celebra tamén esta semana en Burela, ábrese coa intervención da doutora en Historia Contemporánea e profesora do IES Monte Castelo, Herminia Pernas Oroza, “Unha ollada á contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible”.
A continuación os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, CEIP Plurilingüe Vista Alegre, IES Perdouro e IES Monte Castelo presentarán os seus traballos realizados no marco do concurso “O Mar Luce”. E antes do peche do Congreso proxectarase a curtametraxe “Todos os días o mar”, do programa ‘Vidas Mariñeiras’.
Este congreso, que terá lugar na Casa da Cultura de Burela, é unha actividade que se desenvolve dentro do proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR e financiado polo GALP A Mariña Ortegal. Na páxina web da Fundación Expomar (www.expomar.com) pódese atopar máis información sobre contidos e inscripcións.

Exit mobile version