Site icon Crónica3.com A Mariña

Deu comezo en Ribadeo o obradoiro dual de emprego Ribadeo alén do Camiño

 Ribadeo, 2 de decembro de 2019. O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do obradoiro dual de emprego Ribadeo alén do Camiño, que deu comezo o pasado venres, 29 de novembro, e que se prolongará ata o 28 de agosto de 2020. Un total de 20 alumnas e alumnos recibirán 1.440 horas de formación.
O concelleiro de Desenvolvemeto Local e Emprego, Pablo Vizoso, subliñou que Ribadeo alén do Camiño está dividido en dúas especialidades. Unha de confección e publicación de páxinas web con dez alumnxs, que obterán un certificado de profesionalidade de nivel dous que posibilitará que os participantes se atopen en condicións á finalización do proxecto de incorporarse a un ámbito profesional moi amplo. A outra especialidade é a de promoción turística local e información ao visitante con outrxs dez alumnxs, que obterán ao remate un certificado de profesionalidade de nivel 3, o de maior grao que se pode impartir dentro destes programas formativos”.
O edil ribadense dixo que “o primeiro obxectivo do obradoiro é que o alumnado participante adquira a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral. E o segundo consiste en promocionar e poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo coa fin de consolidar a este concello como porta de entrada do Camiño Norte, empregando referentes e atractivos turísticos como o santuario da Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, que alberga o maior patrimonio en pinturas murais da época tardo-medieval”.
Vizoso contou que as principais actividades a levar adiante serán “a creación de varios puntos de información turística centrados especialmente na atención ao peregrino; desenvolver actividades no tramo do Camiño ao seu paso por Ribadeo, co obxectivo de promocionar o valor paisaxístico natural e cultural; a organización, xestión e desenvolvemento dun paquete chamado Ribadeo, prepara o teu camiño; a creación dunha páxina web de promoción do Camiño; e a elaboración e publicación de visitas virtuais de varios edificios do patrimonio histórico ribadense que os peregrinos poden atopar ao seu paso por Ribadeo. Ademais recibiredes outra formación como fórmulas de autoemprego, seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización ambiental ou igualdade de xénero”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local rematou a súa intervención sinalando que “para min particularmente e para o resto do equipo de goberno do Concello e persoal que xestiona esta área, quero transmitirvos que a principal motivación que temos na posta en marcha deste obradoiro é que a formación que ides recibir vos resulte de moito proveito e vos permita acceder dunha maneira máis doada e máis directa ao mercado laboral cando este obradoiro remate”.
No acto de presentación e benvida desta mañá, xunto ao alumnado, estiveron tamén o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o director do obradoiro, Manuel Barreiro.
O obradoiro Ribadeo alén do Camiño conta co financiamento da Xunta de Galicia, do Xacobeo 2021, do Ministerio de Traballo e do Concello.

Exit mobile version