A Mariña, 20 de decembro, 2019. Os deputados autonómico e provincial, Daniel Vega e Javier Castiñeira, respectivamente, trasladaron aos integrantes da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña “o apoio decidido” da Xunta de Galicia a este tipo de colectivos, e que se materializa nos Orzamentos que veñen de ser aprobados no Parlamento galego cun investimento en políticas sociais que supera os 800 millóns de euros. Este importe supón un incremento desta partida nun 7%, cuxos destinatarios, apuntaron, “son as persoas”.
Os populares puxeron así en valor o traballo desta entidade que “está a ser un referente na comarca”, tal e como subliñou Castiñeira. Neste senso Daniel Vega engadiu que “apoiar a asociacións coma esta non só é unha necesidade, é unha obriga por parte das administracións, pois desenvolven, dixo, un labor extraordinario que debe ser apoiado e recoñecido”. Por iso, os populares quixeron visitar o centro de Cervo e, sobre todo, coñecer de primeira man o seu día a día.
20 de traxectoria e de axuda continua
A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental de A Mariña conta con 20 anos de traxectoria e de axuda continua. Foi fundada en 1999 por cinco familias da zona afectadas pola problemática da enfermidade mental crónica. Dende esta data foron medrando ata xestionar distintos dispositivos de intervención, dende os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, o piso tutelado ou, dende 2013, a Unidade Residencial de Cervo que está completa.
Co Programa de Información, Orientación e Asesoramento, así como cos Programas de Acompañamento Integral e Asistencia Domiciliaria, intentan chegar a todas as persoas que solicitan a súa axuda.