O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 336.500 euros neste proxecto, que mellorará a cualificación dos participantes de cara á súa inserción no mercado laboral e ademais realizará obras de mellora en espazos públicos dos tres municipios en beneficio dos veciños e veciñas.
Así, entre os traballos previstos figura a construción dunha caseta para información e turismo no Vicedo, ademais de marquesiñas, bancos e carteis indicativos da toponimia. En Ourol acometerán a reparación da tarima do centro social de Bravos, o valado do parque infantil e do parque biosaudable, e construirán tamén marquesiñas, bancos, mesas e cadeiras.
Pola súa banda, en Muras actuarán na varanda e porche do centro cívico, en senllas pasarelas para dúas rutas peonís (entre Viveiro e Coruxos e entre Muras e a aldea etnográfica de Carelle), e elaborarán estanterías. Todos os elementos serán en madeira.
Os alumnos da especialidade de atención sociosanitaria realizarán as prácticas nunha residencia de anciáns de Viveiro.
Os alumnos traballadores desenvolverán as obras nos vindeiros nove meses, co asesoramento de dous monitores (un por cada especialidade). O obradoiro conta tamén cun director e un traballador encargado da administración.