Ribadeo, 26 de decembro de 2019. Coa chegada do novo ano produciranse novidade no servizo de recollida do lixo en Ribadeo, que non estará operativo os días festivos, segundo ven de anunciar o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije.
O edil ribadense explicou que “non haberá recollida os días festivos, agás que coincidan dous seguidos, como pode ser por exemplo en Semana Santa ou o 15 e 16 de agosto”.
Díaz Freije subliñou que “a planta de Barreiros xa non abría os festivos, aínda que o Concello de Ribadeo recollía o lixo esas xornadas e quedaba nos camións ata o día seguinte. Agora para dar os descansos correspondentes ao persoal e para conciliar o servizo que ofrece Ribadeo co que presta a planta de transferencia de residuos de Barreiros a Concellaría de Medio Ambiente adopta esta medida”.
O 1 de xaneiro, como xa era habitual (ao igual que o 25 de decembro), non haberá recollida e o primeiro festivo no que entrará en vigor esta norma será o día de Reis.
O concelleiro de Medio Ambiente pide “colaboración á veciñanza para que non depositen ese día e o resto dos festivos as súas bolsas de lixo nos contedores. É preferible que as teñan nas súas casas unhas horas e que as tiren á xornada seguinte. Mellor iso que ver os contedores a tope e o lixo tirado pola rúa”.