Mourelle presentou hoxe en Vegadeo, acompañado de Guido Tomasini e de Celtia Travesas da empresa i2 c/ Gesteco, o proxecto “Construíndo Economía Circular”, un programa Empleaverde iniciativa da Fundación Biodiversidade (pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica) cofinanciado polo Fondo Social Europeo e no que colabora a Asociación Intereo (que agrupa aos 14 municipios da Reserva da Biosfera Oscos-Eo- Teras de Burón).
O Programa inaugurarase cunha acción formativa en Vegadeo: o Curso de Técnicas de Bioconstrucción, de 100 horas, que se impartirá no Recinto Feiral entre o 13 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2020. O cuso é gratuíto e poderán solicitalo persoas desempregadas con domicilio na CC. AA de Asturias. O prazo de inscrición está aberto.
Este primeiro curso será impartido por Guido Tomasini, un profesional da bioconstrucción con décadas de experiencia. Tomasini, de orixe alemá, dirixe unha Escola de Bioconstrucción en Vilarmide, A Pontenova. O obxectivo de curso é proporcionar coñecementos asociados a unha nova forma de construír máis respectuosa co medio ambiente, máis saudable para os seus habitantes e que recoñeza e poña en valor o traballo manual e as tradicións construtivas da Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón. Mediante sesións prácticas ensinaranse diferentes técnicas de bioconstrucción (terra crúa, pedra, madeira, palla, cal…), considerando a súa integración no lugar e o uso de materiais autóctonos. Para iso está prevista unha pequena obra construtiva no municipio de Vegadeo.
Tras o curso de Técnicas de Bioconstrucción, o programa complétase na zona da Reserva da Biosfera con outros 4 cursos, todos eles gratuítos e destinados a persoas desempregadas de Asturias e Galicia. Son os seguintes:
Sistemas de climatización aplicados á bioconstrucción (50/100 horas. Presencial e on- line)
Construción adaptada á Economía Circular ( on- line, 50 horas)
Enerxías Renovables aplicadas ao sector da construción (100 horas, on- line)
Deseño e xestión de proxectos de economía corcular (50 horas. On- line)
O obxectivo último do programa formativo é mellorar a empregabilidade do alumnado mediante unha certificación innovadora no ámbito dos empregos verdes. Con este obxectivo, o programa tratará de crear conciencia social entre Administracións públicas e empresas acerca da necesidade de adaptar o sector a unha nova maneira, máis respectuosa co medioambiente, de entender o deseño e construción de vivendas.
Perspectiva de xénero
A empresa consultora “ Gest-eco/I2 C”, responsable do proxecto, sostén que “non existen moitos exemplos de construción circular en Europa e, en España, non temos unha industria da construción afeita a abordar os enfoques económicos e ambientais. Estamos #ante un desafío ilusionante cuxo primeiro paso é, sen dúbida, a promoción e a capacitación”. Ademais, a empresa quixo aplicar a perspectiva de xénero no proxecto, garantindo un que un mínimo do 50% das prazas sexan para mulleres, dado que “o sector da construción é un sector altamente masculinizado, sobre todo nos oficios a pé de obra. Cremos que un enfoque ambiental pode facer que o sector sexa máis atractivo para a incorporación das mulleres”, sinalou Celtia Travesas.
O carácter innovador desta formación dará a oportunidade ás persoas participantes de obter certificacións novas que lles abran moitas oportunidades laborais nun novo mercado adaptado á economía circular.