Burela, 20 de decembro, 2019. O Centro Comercial Aberto de Burela quere dar as grazas a todas as asociacións que pasaron pola praciña de Nadal tanto para explicar a súa actividade como para decorar unha árbore e facer posible o bosque decorado. Nesta campaña e para recoller o espírito destas datas se quixo ceder o espazo aos colectivos que todo o ano están traballando arreo para facer unha Burela mellor para que puidesen divulgar o que fan e contar como podemos colaborar con elas.
Estes colectivos decidiron como querían participar, segundo as súas posibilidades, e foi moi bonito ver a implicación de todas e todos mesmo con estes días de temporal e pese ao intenso vento e choivas torrenciais estiveron presentes. Esta pode ser unha metáfora de como é o seu traballo día a día, así que non podemos estar máis agradecidos pola súa participación.
Desde a apertura foron A Protectora de Animais Bigotes, Mulleres en Igualdade, Anpa do CEIP Vista Alegre, Asociación Española Contra o Cancro, Asociación Esperanza Contra o Cancro, Fundación Eu Son e Asociación de Encaixeiras, quen, desde unha das casetas da praciña de Nadal, fixeron campaña das súas actividades e promocionaron as accións tan necesarias para un funcionamiento solidario da nosa vila. Ademais delas o Centro de Saúde, as Redeiras, a Asociación Monte Castelo, Observatorio A Mariña pola Igualdade, As Chocolateiras, Ledicia e AFAN decoraron a súa árbore de nadal con motivos propios e, en moitos casos, polos propios usuarios.
Desde CCA Burela queren lembrar que aínda quedan moitas actividades para as seguintes datas, desde a chegada de Elfos e do propio Papá Noel, a recollida do desexo solidario, as compras do día dos inocentes e o gran fin de festa o día 5 de xaneiro coa rosconada na Praza da Mariña e o sorteo das viaxes ao Caribe a Canarias e ao spa. A asociación de comerciantes quere lembrar que o Nadal ten que ser solidario e que entre todas e todos seguimos medrando xuntos.