Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “É deputada aquela que eliximos deputada”, por Xoán Antón Pérez Lema

Non, non alucinen. Non me convertín á relixión tautolóxica do Rajoy (“un plato es un plato”). Se non lles acredito na miña- que é a unica verdadeira- para canto máis lles vou acreditar na súa. Vaites,vaites…

O caso é que en maio deste ano eliximos a nosa representación (MEP) para o Parlamento Europeo. Estes MEP son representantes do conxunto da cidadanía europea, tecnicamente non representan Galicia, Catalunya, Sardinia ou Bavaria. Tampouco ao Estado español nin á Dinamarca. As regras para a elección perténcenlle ao Dereito Europeo, malia que éste permita a provisional aplicación subsidiaria dalgunhas normas do Dereito estatal á elección de cadanseus MEP de cada Estado. Estas regras regulan, no suposto español, os requisitos para poder ser candidatos (elixibilidade) ou MEP (compatibilidade). Son normas que poden ser discutíbeis e que, por mor da súa integración no Dereito Europeo, fican sometidas ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Mais o Dereito estatal introduce unha regra (artigo 224 da Lei electoral estatal) incompatíbel coa soberanía popular e co mandato parlamentario: condicionar a efectividade do mandato do MEP ou eurodeputado ao previo xuramento da Constitución española (CE) perante a Xunta Electoral Central (XEC). É dicir, obrigarlle ao eurodeputado eleito pola cidadanía a un xuramento adicional para adquirir ao 100% a súa cualidade. O que supón limitar ou suspender o mandato cidadán. Incríbel.

Velaí porque o preso político Oriol Junqueras recorreu perante o TXUE a súa suspensión como eurodeputado por mor de non ter comparecido perante a XEC para xurar a CE. E o Avogado Xeral da UE considerou que este recurso xa non ten sentido por si mesmo (pois que Junqueras foi condenado xa a unha sentenza penal definitiva que lle impide exercer o devandito mandato parlamentario) mais si ten interese xurídico xeral, por coidar que ese requisito adicional do xuramento vulnera o Dereito Europeo, que nega que aos MEP, logo de ser elixidos, se lles impoñan requisitos adicionais para adiar, suspender ou condicionar a efectividade do seu mandato.

Esta quinta, 19-D, o TXUE resolverá esta cuestión. E malia que a eventual decisión non atinxa na práctica Junqueras si poderá atinxir ao president Puigdemont e ao conseller Comín, dispoñendo a inmediata eficacia da súa elección popular.

É dicir, é posíbel e mesmo abondo probábel que o TXUE repoña no Parlamento Europeo aqueles que foron lexitima e legalmente elixidos pola cidadanía nas idus de maio.

Exit mobile version