Novos puntos para recollida de aceites domésticos.
Nos últimos días, téñense colocado novos puntos de recollida de aceite doméstico usado e procedeuse tamén a renovación dos xa existentes en Reinante, San Miguel, Altar e San Cosme. Os novos puntos colocáronse en Vilamar, Viladaíde, nas vivendas sociais novas de San Cosme, ao carón da pista de padel de San Miguel e no punto limpo; facilitando así a reciclaxe de aceite ás veciñas e veciños.
O concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, explica que “o aceite debe depositarse en botellas de plástico pechadas dentro dos colectores, evitando así verquidos arredor dos mesmos. O feito de contar con un colector no punto limpo facilita tamén que as persoas poidan enviar este residuo nas recollidas programadas polo concello se non teñen facilidade para desprazarse.”
Charla sobre residuos e reciclaxe.
Ademais deste incremento e renovación de colectores, que prevén continuar nos vindeiros meses, desde a área de medio ambiente organizan tamén unha xornada divulgativa e informativa sobre a recollida selectiva, en colaboración coa empresa Servicios dos Concellos Galegos que se encarga desta recollida.
A charla terá lugar o vindeiro mércores 18 ás 17:30 horas no centro sociocultural de San Cosme e nela explicaranse como xerar menos residuos e como facer correctamente a súa selección. Desde a concellería de medio ambiente insisten en “animar ás veciñas e veciños a acudir para lograr unha separación dos residuos máis eficiente, xa que iso redunda nunha mellor e máis eficiente recollida.”
“Tendo en conta ademais que estamos nunha época na que se xeran moitísimos residuos con motivo das festas, é bo lembrar como debe ser o seu tratamento, para tratar de evitar un maior dano medioambiental”, manifestan.
Con estas actuacións preténdese clarificar que residuos teñen que depositarse, por exemplo, no colector amarelo; xa que é habitual que a xente, con moi boa intención, deposite todo tipo de material plástico nos mesmos e só están destinados a plásticos domésticos. “Hai un exemplo claro: as flores de plástico dos cemiterios, por exemplo, non poden ir ao colector amarelo, senón ao verde. E é habitual que se boten coa mellor intención no amarelo”, asegura Ratoeira.
O goberno de Barreiros continuará levando a cabo campañas divulgativas sobre a xestión dos residuos, xa que ten detectado eivas importantes nos mesmos e consideran que “a administración ten que poñer todos os medios para que os residuos que se produzan sexan os mínimos e que os que existan sexan tratados correctamente.” Por iso, explican, “púxose en marcha un sistema de recollida de restos vexetais previo aviso e estase tratando de divulgar a necesidade de utilizar correctamente todos os medios dos que dispón o concello, como as recollidas a domicilio ou o punto limpo, evitando os depósitos de residuos a carón dos colectores.”
Nestes días tamén se continúa coa limpeza exterior dos colectores co fin de que a imaxe de Barreiros sexa a dun concello limpo.