Dende que comezou a crise industrial no noso país e dende que Alcoa ameazou co peche da factoría de San Cibrao, non fixeron máis que xurdir oportunismos. Oportunismos, claro está dos de sempre, dos que fartos de non facer nada durante anos, tiraron do traxe e gravata habitual para acudir, segundo fixera falla para a campaña, ás reunións cos Comités (en algunha ocasión ata sen consultar dispoñibilidade algunha).
Son os mesmos que escoitaredes cargar contra o PSOE (que tamén ten parte da responsabilidade) tanto a nivel institucional como a nivel informal nos bares e cafetarías. Os mesmos que sen facer autocrítica insisten nos seus espiches en que o de Alcoa, non é un problema político.
Ao que eu sempre contesto: SÍ O É.
É moi doado subir a un palco durante unha concentración e soltar catro palabras ben medidas e un “este non é un tema político e hai que traballar xuntos”. Ben, cara ao público quedas xenial e quedas entre cero e nada partidista: xusto o que os votantes queren. O problema vén cando pertences a un partido que leva facendo tamén entre cero e nada por mellorar a industria galega dende niveis municipais, provinciais ou nacionais e veste con todo o dereito a soltar a frase.
Aí é onde vén o fracaso ou o acerto se vives nunha sociedade onde se premia a hipocrisía.
Eu entendo que algo “non político” fose, por poñer un exemplo, unha catástrofe medioambiental allea a calquera institución pois, neste caso, si teriamos que traballar conxuntamente para devolvela á situación inicial. Mais unha crise que comeza coa privatización de varias industrias, soamente por intereses económicos duns poucos, SÍ é político. Tamén o é o disparatado prezo do megavatio ao que teñen que facer fronte tanto as economías domésticas como as empresariais para ser competitivas a nivel comunitario e ser sostibles.
Como lle poden explicar ditos políticos a unha galega que todo o impacto ambiental que sofre na súa comarca, tanto cos encoros ou eólicos, non serve para nada? Que explicación se lle pode dar máis ca un silencio? É incomprensíbel á par que inxusto. Inxusto porque recordemos quen son as persoas que moven os fíos das grandes eléctricas: aqueles das portas xiratorias, aqueles que levan enriquecéndose á nosa costa e ríndose de todos nós durante anos.
Un problema POLÍTICO en maiúsculas é o que estamos a padecer na Mariña. Tamén a nivel municipal. Non se libra ninguén.
Como se explica que toda unha comarca bañada polos cartos desta fábrica, non fose capaz de loitar por unhas vías de comunicación dignas para os seus cidadáns? Como se explica que as estradas sigan a estar na mesma pésima condición que hai 20 anos?
Dende que aterrou Inespal na nosa comarca non houbo suficiente fluxo económico? Nada en 42 anos?
O mesmo pasa coa autoridade portuaria do porto de San Cibrao, demanda histórica por certo do BNG, que segue sen obter resultados. Ninguén puido facer nada máis en todos estes anos? Ningunha conversa produtiva? Imaxinade todo o que poderiamos ter avanzado cos ingresos que xera dito porto anualmente… (sempre e cando se investiran ben)
A todo isto me remito cando digo incansablemente que o noso, en xeral, si é un problema institucional. Un problema que se foi acumulando entre despachos e malos/as políticos/as: uns políticos totalmente estancados que pouco ou nada teñen que ver co que a política debería representar (algo que ata eu coa miña curta experiencia observo), uns políticos movidos polas políticas de formigón (que nin iso fixeron ben en moitos municipios) e uns políticos asentados tranquilamente nas súas cadeiras porque saben que fagan o que fagan, os seus votantes os van premiar porque: SON OS DE SEMPRE, e para que cambiar.
Precísase un cambio urxente no modo de entender a política. Precisamos unha rexeneración e non estancarnos no inmobilismo caciquil moderno.
Así e con todo, o que se viu este sábado diante da Subdelegación do Goberno foi un auténtico fracaso. Un fracaso pois moi poucos mariñáns foron quen de mobilizarse polo seu futuro e, se non defendemos nós o noso, non creo que o faga ninguén máis.
Alcoa, un problema político, dende principio a fin.
Pilar Vázquez
BNG de Xove