Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta sinala que non asume o peche da central de Endesa e urxe ao goberno central un plan para unha transición xusta e social

 Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en declaracións aos medios que a Xunta non asume o peche da central térmica de Endesa nas Pontes, unha decisión da empresa que considera inxusta, precipitada e non consensuada con todos os axentes que levan meses traballando para identificar de forma conxunta unha solución para que a planta poida ter unha oportunidade de futuro.

Conde apuntou á falta de política industrial e enerxética por parte do Goberno central, que, segundo dixo, non está tomando unha posición proactiva e non está pensando no impacto no emprego de 750 familias que supón a central das Pontes. Unha planta na que, tal e como lembrou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, se investiron máis de 200 millóns de euros para adaptala ás directrices europeas en materia medioambiental.

Do mesmo xeito, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria urxiu ao Goberno central a activación dun plan de transición xusta, en liña co que defende a Unión Europea, que sexa xusta, ordenada, e social que permita a Galicia optar aos fondos europeos que estarán activos neste eido en 2021.

Segundo anunciou o conselleiro, convocarase á Mesa das Pontes para seguir traballando desde a fronte común cos traballadores, cos transportistas, coa industria auxiliar e co Concello das Pontes. O obxectivo é que o Goberno e a empresa “poidan reverter unha situación que non responde á posición da Comisión Europea e ás decisións que se están tomando por outros países” e que “Endesa poida dar tempo para que se poidan identificar as medidas para que a central das Pontes poida optar a esa transición enerxética xusta”, reactivando a planta e optando aos fondos europeos.

Incidiu Francisco Conde en que esta transición enerxética ten que ser tamén equilibrada, poñendo a Galicia en igualdade de condicións desde o punto de vista competitivo con outros países, lembrando que hai 149 centrais de carbón en Europa que están mantendo a súa produción e o seu emprego.

Exit mobile version