Para mellorar os espazos, o concello de Viveiro cedeu á Xunta a planta baixa e parte da primeira, onde se atopaba anteriormente a biblioteca municipal. Xa se procedeu a baleirar e limpar estes espazos, de xeito que en próximas datas se poderá dar comenzo progresivamente ao traslado do arquivo xudicial a esta nova ubicación.
Deste xeito, grazas á colaboración institucional, poderanse reordenar máis espazos, xa que o traslado do arquivo liberará, á súa vez, espazos que se aproveitarán para outros fins, entre os que destaca a habilitación dun espazo axeitado para a atención ás vítimas e, nomeadamente, das vítimas de violencia de xénero.
Tamén, en relación ás melloras do arquivo xudicial, vense de contratar un servizo de acondicionamento e catalogación da documentación xudicial custodiada no arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Viveiro. Estes traballos, dotados cun investimento de 19.000 euros, céntranse na descrición, ordenación e clasificación da documentación xudicial e codificación das series documentais. Isto permitirá posteriormente a realización dun proceso de expurgo. Estas melloras terán continuidade nos vindeiros anos, co obxectivo de acondicionar a totalidade do arquivo xudicial de Viveiro.
Por último, xa é unha realidade a mellora no servizo de vixilancia do edificio xudicial, no que a Xunta mellorou a seguridade pasiva das instalacións mediante o incorporación de novos sistemas. En concreto, en Viveiro investíronse algo máis de 14.000 euros para instalar un novo sistema CCTV, dotado de 8 cámaras (7 interiores e 1 exterior), 1 monitor de 24 pulgadas, 1 gravador, 2 discos duros, 1 sistema de alimentación ininterrompida e todo o equipamento necesario para que funcione correctamente.
Estas melloras na seguridade forman parte dun proxecto da Xunta a nivel autonómico. Nunha primeira fase, renováronse as cámaras de vixilancia de 16 edificios xudiciais das cidades e das vilas con maior número de órganos xudiciais. Na segunda fase estase actuando nos edificios dos partidos xudiciais máis poboados que albergan dous xulgados, entre os que se atopa Viveiro.