Alfoz, 27 de decembro de 2019. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizou este ano labores de limpeza en 40 quilómetros de curso fluvial nos sistemas de explotación da ría de Ribadeo, Río Grande, Masma, Landro e Ouro.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe unha das zonas do río Ouro na que se actuou recentemente, en Alfoz, e explicou que Augas de Galicia desenvolveu un plan de limpeza sobre todas as concas da súa competencia, que coinciden coa área xeográfica da Mariña.
Así, engadiu, executáronse tarefas de vixilancia e limpeza nos ríos principais xa citados e noutros que dependen destes sistemas, como o Queixoiro, Barranca, Alemparte, Gontán, Xunco e Xunqueira, entre outros. Os municipios beneficiados foron os de Ribadeo, Mondoñedo, Barreiros, Foz, Cervo e Viveiro, ademais de Alfoz.
Entre as actuacións destacables figura a retirada de obstáculos na ponte do rego de Vilaselán, ou de árbores nas Anzas -no río Grande-. No rego da Rochela rompeu un muro e tamén caeron árbores e maleza que foron retirados.
En xeral, as tarefas consisten en desbroces selectivos e na eliminación de madeira morta e vexetación que pode producir incidencias por obstrución. O obxectivo principal é o de facilitar o libre discorrer das augas, así como conseguir condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e estéticos e de uso social no entorno fluvial, sendo respectuoso en todo momento co entorno.
Este obxectivo xeral engloba outros máis particulares, como recuperar os procesos fluviais cos que o río poida reconstruír a súa dinámica e un funcionamento máis próximo o natural ou de referencia; lograr que o río aumente a súa resistencia fronte as perturbacións naturais ou antrópicas; fomentar a creación dunha estrutura sostible e compatible cos usos do territorio e os recursos fluviais acordados pola sociedade; e recuperar a beleza e capacidade de evocación dos ríos e as súas ribeiras, así como a relación afectiva do home co seu territorio e paisaxe fluvial.