Xove, 2 de decembro de 2019. A Xunta de Galicia explicou o proxecto de intervención proxectado no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove, aos representantes do equipo directivo e da Asociación de Nais e Pais do centro, reformas que contan cun orzamento de licitación de 725.113 euros.
A xuntanza tivo lugar na Casa Consistorial de Xove e nela participaron o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde, Demetrio Salgueiro, así como técnicos da unidade de obras e a xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en Lugo, Mariña Gueimunde, entre outros.
Balseiro confirmou que a Consellería prevé que as obras estean adxudicadas antes do mes de xuño, para poder executalas durante as vacacións de verán. Igualmente, sinalou que os traballos servirán para mellorar a eficiencia enerxética e tamén a estética e o confort do centro, dado que inclúen o pintado de paramentos, falsos teitos, decoración e acabados en varias instalacións.
As actuacións destinadas a lograr maior aforro enerxético inclúen a instalación de illamento exterior en paredes e cubertas, novas fiestras e persianas que melloran o illamento térmico, e luminarias de alta eficiencia enerxética, entre outras medidas. En conxunto, prevese un aforro enerxético anual do 22,52% en consumo de enerxía primaria e do 23,80% en emisións de dióxido de carbono.
O delegado destacou o esforzo inversor que está a realizar a Consellería de Educación para “dotar ao ensino público de instalacións cada vez máis modernas, cómodas e óptimas dende unha perspectiva medioambiental, abanderando a reforma enerxética nos edificios públicos para contribuír á redución de gases contaminantes á atmosfera”.