Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou 25.000 euros á recuperación do miradoiro do Monte Faro, en Viveiro

 Viveiro, 23 de decembro de 2019. A Xunta de Galicia investiu 24.832 euros na recuperación do miradoiro de Monte Faro, en Viveiro, que estaba en estado de abandono. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o lugar acompañado da alcaldesa, María Loureiro, entre outros, e destacou “a mellora estética e funcional e a integración na contorna” que achegou esta actuación.

Balseiro explicou que o Goberno galego asumiu o 65% do orzamento subvencionable a través da Consellería de Cultura e Turismo, mediante a convocatoria anual de axudas destinadas a colaborar coas entidades locais no fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.

O delegado afirmou que o obxectivo desta liña de axudas é potenciar o turismo como un factor de crecemento económico e instrumento de reequilibrio territorial, “desenvolvendo o seu potencial de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade”.

No caso de Viveiro, a actuación subvencionada supuxo a posta en valor non só do miradoiro, senón de todo o conxunto, incluíndo os restos do antigo faro e da garita como elementos etnográficos de relevancia na historia do municipio.

Entre as actuacións máis destacables figura a eliminación dos cables aéreos, substituídos por unha rede soterrada máis segura que proporciona subministro eléctrico á nova iluminación ornamental.

O conxunto xira en torno a un banco circular con vistas á ría de Viveiro e un panel panorámico de sinalización. Instalouse outro mobiliario urbano, disimulando os contedores, e sinalizouse o camiño desde a aldea do Faro ata o miradoiro. Trazáronse sendeiros que comunican o acceso rodado co miradoiro e a garita e pintouse o exterior dun pequeno local do concello situado no lugar.

En definitiva, apuntou o delegado, “recuperouse este lugar para que sexa un punto de atracción turística do municipio, un complemento para as rutas de sendeirismo desta zona e un argumento máis para visitar Viveiro en calquera época do ano”.

Máis axudas para o ano próximo
A Xunta mantén aberta a nova convocatoria desta liña de axudas para melloras de infraestructuras turísticas do rural, á que os concellos e entidades locais poden concorrer ata o 30 de decembro. Conta cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros e busca fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos no medio rural para impulsar a diversificación da actividade turística por todo o territorio a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Trátase dunha orde de axudas en concorrencia competitiva impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo á que poden concorrer concellos, mancomunidades e consorcios locais con competencias en materia de turismo, así como agrupacións de concellos.

Exit mobile version