Lugo, 17 de decembro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 419.660 euros a facilitar a contratación de 44 axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán servizo en 43 concellos de Lugo e na Deputación Provincial.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta resolveu unha nova orde de axudas, que se concederon a todas as entidades que o solicitaron, e destacou como novidade a incorporación este ano do concello de Lugo e da Deputación Provincial. No resto dos concellos prorrógase o servizo, que subvenciona anualmente a Xunta a través deste programa.
Os contratos asínanse por un ano e a Xunta colabora no financiamento dos custos salariais totais dos axentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos. A porcentaxe da axuda depende do número de persoas desempregadas rexistradas no municipio ou de que se unan varios concellos para prestar o servizo. En Lugo, os apoios oscilaron entre o 24% e o 72%, esta última para os concellos de Riotorto, Meira e Ribeira de Piquín, que fixeron a única proposta agrupada que se rexistrou na provincia.
Balseiro destacou que con este programa o Goberno galego propicia a extensión da Rede de técnicos de emprego, como infraestrutura especializada na materia, que adquire precisamente o seu maior potencial grazas á súa distribución por todo o territorio.
O obxectivo, apuntou o delegado, é potenciar o papel das entidades locais na dinamización económica e na creación de emprego, “e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido”.
Os axentes están capacitados para reforzar as políticas activas de emprego na contorna local, desempeñando diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado ou asesores puntuais de proxectos de empresa.