Lugo, 19 de decembro de 2019. A Xunta de Galicia programará durante o vindeiro ano catro accións formativas para traballadores desempregados nas instalacións de dous institutos da Mariña de Lugo: o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo e no IES María Sarmiento de Viveiro, ás que destina preto de 150.000 euros de investimento.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes cursos veñen a completar a ampla oferta formativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan inscritas no paro, que inclúe accións en centros propios, o financiamento da programación AFD -promovida por empresas, concellos e outras entidades- e o uso de instalacións educativas en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Balseiro sinalou que deste modo optimízanse os recursos públicos, dado que ambos centros reúnen os requisitos para impartir formación profesional para o emprego sen que esta afecte ao desenvolvemento da actividade lectiva habitual.
En concreto, no CIFP Porta da Auga de Ribadeo impartiranse os seguintes cursos: operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubricións e operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. Polo que respecta ao instituto María Sarmiento de Viveiro, a formación ofertada será o curso de mantemento de elementos non estruturais de carrozarías de vehículos
As persoas interesadas en participar nestes cursos poden recibir máis información e inscribirse nos mesmos a través da ampla rede de oficinas de emprego que a Xunta ten na provincia.