Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia achegou a Viveiro investimentos por valor de preto de 4M€ no que levamos de ano

 Viveiro, a 03 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia é con gran diferenza a administración que está a realizar un maior esforzo inversor en Viveiro ata o punto de que, no que levamos de ano, ten destinado preto de 4 millóns de euros en obras e servizos neste municipio.

Así o avanzou o presidente e portavoz do Grupo Municipal Popular, Óscar Rodríguez, tras manter un encontro co delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, no que avaliaron os principais proxectos impulsados pola Xunta.

Entre outras achegas, Rodríguez salientou os recursos destinados desde a administración autonómica para o sostemento do servizo de axuda no fogar. O Goberno galego achegou 355.000 euros nos últimos nove meses para financiar este servizo municipal e, polo tanto, para o pago dos salarios do persoal encargado da atención e coidado dos veciños en situación de dependencia.

O Concello de Viveiro recibe tamén, cada ano, 464.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local, unha achega que despois a administración local pode destinar, con liberdade, a financiar as obras e servizos que máis lle interesen.

Pola súa contía, outras achegas relevantes son os 409.000 euros destinados ao sostemento do parque de bombeiros comarcal, con sede operativa en Viveiro, os 410.000 que o Goberno galego destina ás axudas da oficina de rehabilitación e os 132.100 euros cos que a Xunta apoia a actividade de 25 traballadores autónomos que solicitaron as liñas de axuda que para este sector. Finalmente a Xunta achega 40.000 euros en axuda á actividade e labores de promoción do centro comercial histórico de Viveiro.

No que levamos de ano a Xunta destinou case 100.000 euros a diferentes obras de mellora nos centros educativos da localidade, e ao sostemento do programa de radio e das bibliotecas escolares.

Destacan tamén, xa no ámbito cultural e turístico os 40.000 euros que o Goberno galego destina en apoio da Semana Santa, declarada de interese turístico internacional e os 150.000 que se executaron en obras de mellora no albergue de Area.

Xa no ámbito das infraestruturas portuarias, executáronse obras no acceso ao porto deportivo (20.400 euros), no departamento de armadores (30.177 euros) e 30.000 euros máis en distintas axudas ás confrarías para compra de equipamento e para vixilancia e contratación de biólogos.

Finalmente no ámbito dos servizos sociais as achegas máis relevantes están dirixidas ao apoio dos servizos de inclusión, a Xunta destino case 100.000 euros aos programas de atención ás persoas con risco de exclusión social e programa de apoio á poboación xitana.

Con todo a contía sería aínda moito maior, se temos en conta que a administración autonómica financia tamén o sostemento dos principais servizos públicos do municipio como é o caso dos centros educativos, escola de idiomas ou centro de saúde local, ademais do mantemento e parte do persoal dos xulgados.

Obras inminentes e futuras
Por outra banda, como obras de inicio inminente o portavoz popular sinalou a reforma e modernización da estación de autobuses, que podería estar en marcha antes de finais de ano ou principios de 2020, cunha inversión de 371.000 euros.

Finalmente, se falamos de obras futuras, a Xunta segue avanzando na tramitación administrativa previa do que sen lugar a dúbidas serán as principais inversións no municipio: coa licitación da ampliación e mellora da EDAR e rede de saneamento de Celeiro (7M€) e a mellora da estrada da Gañidoira (LU-540) para a que se reserva un orzamento de 243.000 euros, sen esquecer o dragado dos portos.

Exit mobile version