Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aclara que non ten competencias sobre a cunca do Eo, polo que non pode actuar nin autorizar actuacións neste río

Lugo, 28 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia non ten competencias sobre a cunca do Eo, o que significa que Augas de Galicia nin pode actuar directamente sobre o río nin pode autorizar actuacións doutras administracións ou de particulares.

En resposta ás recentes declaracións do alcalde da Pontenova, que lamentaba as condicións en que se atopa o río, a Delegación Territorial explica que o organismo reitor do Eo é a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, que depende do Goberno do Estado -en concreto do Ministerio para a Transición Ecolóxica-.

O rexedor afirmou que o curso fluvial presenta abundantes restos de madeira e alertou do risco de que se produzan accidentes por obstrución; tamén engadiu que remitiu esta información á Confederación Hidrográfica e a Augas de Galicia sen obter resposta satisfactoria de ningunha das dúas partes.

Ante isto, a Delegación apunta que o alcalde erra cando apela a ambas administracións en situación de igualdade, dado que as competencias recaen sobre a Confederación e, pola contra, o organismo autonómico non pode intervir neste río.

Exit mobile version