Lugo, 18 de decembro de 2019. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 93.000 euros a facilitar a contratación de dez axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán servizo noutros tantos concellos da Mariña.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta resolveu unha nova orde de axudas, que se concederon a todas as entidades que o solicitaron. Os concellos beneficiarios nesta área son Ribadeo, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Xove, Lourenzá, Ourol, A Pontenova, O Vicedo e Foz. Todos eles prorrogan o servizo que xa viñan prestando ao abeiro deste programa, que convoca anualmente o Goberno galego.
Os contratos asínanse por un ano e a Xunta colabora no financiamento dos custos salariais totais dos axentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos. A porcentaxe da axuda depende do número de persoas desempregadas rexistradas no municipio ou de que se unan varios concellos para prestar o servizo. Na Mariña os apoios foron do 24% excepto en Ribadeo, onde se elevou ao 33%.
Balseiro destacou que con este programa o Goberno galego propicia a extensión da Rede de técnicos de emprego, como infraestrutura especializada na materia, que adquire precisamente o seu maior potencial grazas á súa distribución por todo o territorio.
O obxectivo, apuntou o delegado, é potenciar o papel das entidades locais na dinamización económica e na creación de emprego, “e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido”.
Os axentes están capacitados para reforzar as políticas activas de emprego na contorna local, desempeñando diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado ou asesores puntuais de proxectos de empresa.