Burela, 4 de decembro, 2019. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo organizou este mércoles 4 de decembro unha xornada sobre a valorización dos descartes na pesca e a nova xestión pesqueira coa Obriga de Desembarque.
Esta xornada, que se organiza un ano máis en colaboración con Armadores de Burela, tivo lugar no salón de actos de ABSA, no porto de Burela (Lugo), na que participaron diferentes profesionais para exponer o seu punto de vista sobre a materia.
As conferencias agrupáronse en tres bloques temáticos. O primeiro tratou sobre “Avaliación da obriga de desembarque desde a perspectiva de control”. Segundo María Cristina Morgado, vice-xefa da unidade de Augas Europeas e Atlántico Norte – Axencia de Control da Pesca (EFCA), a Obriga de Desembarque só se controlará eficazmente a través da monitorización electrónica remota (REM), e os niveis actuais de cumprimento son inferiores aos previstos.
No segundo bloque “Avaliación da implementación da OD na xestión pesqueira nacional e europea” interviu Rafael Centenera Ulecia, Subdirector Xeral de Caladero Nacional e Augas Comunitarias – Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; para quen a OD é unha norma moi complicada e complexa que levará tempo implantar, pero que será beneficiosa para lograr unha pesca sostible en poucos anos.
O terceiro bloque “Exemplo de valorización: posible aproveitamento de cabezas de tiburón”, correu a cargo de Genma Laso Rodríguez, CEO de Inxenia DT, que presentou propostas de como aproveitar os subprodutos, expoñendo un caso de grande importancia para a frota de palangre de superficie local.
Ao finalizar a xornada, os asistentes disfrutaron dunha degustación de produtos pesqueiros con receitas variadas a base de especies descartadas ou de alto potencial comercial, representativas das diferentes modalidades de pesca da OPP7, como o congrio, a raia, a bertorella ou o chicharro.
A degustación tivo lugar no restaurante Casa Miranda, que presentou as seguintes receitas:
Bertorella con xarem (sémola de millo) con mantequila de cogomelos
Chicharro con vinagreta de mango e granada
Fideos con congrio
Picaracha de congrio con algas
Paté de mexillón cunha tella de sésamo
Raia con salsa greviche
Esta acción está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización 2019 de OPP Lugo e cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.