Ribadeo, 9 de decembro de 2019. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, fai unha valoración moi positiva da afluencia de visitantes e turistas que pasaron por este concello ao longo da pasada ponte festiva. A ocupación hoteleira roldou o 90%. Os que máis se achegaron a Ribadeo estes días foron cidadáns procedentes de Castela-León, Euskadi e Madrid. O edil ribadense subliñou que o alumeado e o Mercado do Nadal contribuíron a encher as rúas da vila, convertendo a Ribadeo outra vez nun dos destinos preferentes do norte de Galicia.
Vizo declarou que “desde o Concello queremos facer unha valoración moi positiva da afluencia de visitantes e turistas que rexistramos nesta pasada ponte festiva. A oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo abriu durante todos os días da ponte e foron 500 persoas as que se achegaron ata esta instalación en demanda de información. O pico máis alto rexistrouse o sábado, 7 de decembro, con 165 persoas atendidas”.
O concelleiro de Turismo explicou que “a porcentaxe de turistas chegados a Ribadeo procedentes do resto do Estado durante esta ponte foi do 99,5%. Desde Castela-León chegaron o 23,3% dos turistas, desde Euskadi o 18,4% e desde Madrid o 13,8%. Evidentemente o turismo internacional foi moito máis reducido, chegou ao 0’5%, e estivo representado por peregrinos”.
Pablo Vizoso referiuse aos grupos organizados: “en canto aos grupos pasaron pola oficina de turismo da vila varios, o que representa o 20%. Faise preciso mencionar que, tal e como se esperaba, detectouse un incremento neste tipo de turismo. Destacable foi a presenza dun grupo organizado por unha das empresas de turismo ornitolóxico máis potentes do Estado. Trátase dunha boa nova para un concello coma o de Ribadeo, que leva anos intentando potenciar este tipo de turismo sustentable e que nos axuda a desestacionalizar”.
O edil nacionalista engadiu que “do total de persoas que solicitaron información na oficina municipal de turismo, un 48% manifestaron estar pernoctando en Ribadeo durante estes días, dato que confirma as boas cifras de ocupación, que segundo nos comentan os hostaleiros roldou o 90% nas xornadas máis fortes desta ponte”.
O concelleiro de Turismo dixo que “o alumeado e o Mercado de Nadal, cun amplo programa de actuacións musicais e espazos creativos, contribuíron a encher as rúas da Vila de visitantes e viaxeiros, convertendo de novo a Ribadeo nun dos destinos máis demandados do norte de Galicia”.