Site icon Crónica3.com A Mariña

“A ilusión da arte”, por Antonio Gregorio Montes

Constrúe. Vive. Interpreta. Sinte: unha arte, arte.
Hai xa medio século que un libro, ‘Against interpretation’ (Contra a interpretación, de Susan Sontag) rematou de dar un novo sentido á arte, precisamente destilándoa como esencia de sentementos vividos polos sentidos (que nos tempos e significados actuais non é unha reiteración) despois de atoparse estes cunha obra. Así, a arte é basicamente humana, entrelazando técnica e sentemento de quen obra a creación artística co sentemento de quen a desfruta, pasando de interpretación razoada a sentida.
Ven isto a conto da exposición que dende estes días ata finais de febreiro presenta o Museo Provincial, A métrica do ilusionismo, obra de Caxigueiro.
Non fai falta ser experto en arte -existen, pero non son expertos en como ves ti a arte- para ter seguido a traxectoria de Caxigueiro. O seu compromiso sensible coa terra e as formas que transforma fano achegado, e polo tanto, sentido, pola xente de aquí, ó tempo que é a base da súa globalización sentimental. Dito así, sentimental, parece relatar cunha ambigüidade do sentimentalismo tal como se entende na expresión diaria de xeito moitas veces pexorativo: “Dado a deixarse levar por impulsos de afecto ou de emoción”. Mais non, hai que coller o primeiro significado que lle asigna o dicionario da Real Academia Galega, “Relativo ou pertencente á vida afectiva (…)”, mellor aínda que a terceira acepción, “Que trata de sentimentos ou que procura causar emocións” para entender que o efecto da obra é global, que afecta ós sentementos do público en xeral, aquí e na China.
A Métrica do ilusionismo, proposta que revisa series representativas de Caxigueiro en máis dun decenio, dende a escultura á poesía ou á fotografía, non esquece a liña anterior. Aprovéitaa e proxecta dun xeito ilusionante en sentementos a traverso de novas tendencias, mesmo solucións controvertidas, a narrativa, seriación temporal e universo social que forman o fío condutor da súa obra.
Será iso o que sintas cando a experimentes?
Pois ‘O meu traballo non remata ata que non o amoso’ (L. Vila)

Exit mobile version