Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación revélase como unha peza clave para a internacionalización das empresas lucenses segundo a CEL

 Lugo, 17 de decembro de 2019. A Deputación de Lugo revélase como unha peza clave para a internacionalización das empresas lucenses, segundo a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Un estudo presentado este martes na Deputación de Lugo e elaborado grazas á axuda da institución á organización empresarial conclúe que Lugo está á cola das exportacións en Galicia, aínda que a provincia mellora a súa posición nos mercados internacionais na última década, cun incremento do 30,55%. O Presidente, José Tomé, destacou na firma dun convenio de colaboración coa CEL por importe de preto de 130.000€ a necesidade de impulsar o tecido produtivo.

“O obxectivo deste acordo é fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial da provincia”, dixo José Tomé, que destacou o papel dos empresarios na xeración de emprego e na dinamización da economía. Engadiu Tomé que “o impulso dos sectores produtivos pasa por accións como plans de emprego, de formación e apoio ao emprendemento. Na Deputación, temos en marcha a día de hoxe proxectos deste tipo cun investimento de 7,4M€ e con medio milleiro de persoas beneficiarias”.

Na presentación, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios, Jaime López, quen situou á Deputación de Lugo como unha peza chave para a internacionalización das empresas lucenses, tendo en conta ademais que Lugo “polo momento non pode acceder de xeito directo ás axudas do Plan Foexga que xestionan as Cámaras de Comercio”. O Secretario Xeral da CEL apuntou que Lugo é a cuarta provincia exportadora en Galicia, aínda que mellorou a súa posición nos mercados internacionais na última década. En concreto, o ano no que Lugo acadou os seus mellores resultados foi no  2015, no que se exportaron mercancías por valor de 1.174,41M€. Segundo o estudio, existe un volume de exportación estable en torno aos 670M€ nos últimos anos.

Destacou López que, por sectores económicos, a alimentación é o que máis exporta da provincia e que Europa é o destino final de boa parte dos produtos lucenses no exterior. No estudo tamén se elaborou un perfil das principais empresas exportadoras de Lugo, localizadas boa parte delas na capital e con máis de dez anos de existencia, que teñen capital suficiente para facer fronte á internacionalización e que acoden ao mercado cos seus propios medios.

Entre as conclusións, o estudo da CEL apunta que para seguir mellorando a situación do sector exterior e recuperar o ritmo de crecemento de anos anteriores, a provincia de Lugo debe diversificar mercados e produtos, incentivar ás novas empresas para acceder aos mercados internacionais, dotando de músculo financeiro ás que teñen vocación exportadora. O informe tamén recomenda fomentar a entrada en mercados con potencial, aproveitar as vantaxes de atopar un bo socio local nos mercados de destino das exportacións e participar nos múltiples plans, axudas e subvencións dispoñibles.

Exit mobile version