Lugo, 20 de decembro de 2019. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, anunciou este venres que o Goberno provincial garantirá a continuidade do servizo de mantemento das zonas verdes que vén facendo SUPLUSA e os postos de traballo dos 19 empregados e empregadas que veñen realizando estes traballos na Sociedade Urbanística Provincial encargándolle o servizo a outra empresa pública, como é Tragsa.
Como xa fixo público a Deputación, o Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, pasa a ser medio propio instrumental da entidade provincial tras a compra dunha acción formalizada ante notario en Madrid o pasado martes, polo que pode encargarlle servizos ou traballos. O mantemento das zonas verdes, coa subrogación dos traballadores nas mesmas condicións salariais e laborais, será o primeiro encargo, ao que, como avanzou Tomé, poderanse sumar máis no futuro.
Con esta decisión, o Goberno provincial cumpre co compromiso de garantir os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos para SUPLUSA, un compromiso que o Presidente anunciou no propio Pleno celebrado o pasado 12 de setembro no que foi aprobado por unanimidade da Corporación provincial a disolución da Sociedade despois de que este ente mercantil perdese xa no 2018 a condición de medio propio a través dun acordo da Xunta de Goberno debido aos problemas que lle ocasionou á institución provincial no pasado mandato.
Opcións
José Tomé explicou que para poder cumprir co compromiso de garantir os dereitos do persoal de SUPLUSA había catro posibles opcións.
– Primeira: Deixar de prestar o mantemento de zonas verdes, o que suporía a desaparición do servizo. Unha opción “que desbotamos taxantemente porque o que queremos é manter o servizo e, sobre todo, manter os postos de traballo”, subliñou o Presidente.
– Segunda: Contratar os servizos que viña prestando SUPLUSA cunha empresa privada. Un suposto “que supoñería privatizar, algo que dende o Goberno provincial non queremos, pois apostamos sempre polos servizos públicos”, asegurou Tomé.
– Terceira: Provincializar o servizo, unha medida que non é posible porque “iso significaría que todo o persoal pasara a ser da Deputación, sen os debidos procedementos selectivos de mérito e capacidade, que son obrigatorios para ser persoal da institución, ben sexa funcionario, ben laboral”, afirmou o Presidente.
– Cuarta: Encargar os traballos e servizos a outra empresa pública. Esta posibilidade, resaltou o mandatario provincial, “é a que resulta máis viable e axeitada, posto que, tanto o encargo dos traballos, como a relación laboral dos traballadores e traballadoras, pasan a depender dunha empresa pública, como é SUPLUSA, a outra empresa pública, como é Tragsa”.
Tragsa, medio propio da Deputación
Para materializar esta cuarta opción de encargar os servizos a Tragsa, a Deputación xestionou diante do Ministerio de Hacienda a compra dunha acción da empresa pública, co que pasa a ser medio propio da institución provincial. A compra desta acción foi asinada ante notario en Madrid o pasado martes.
Ademais da Deputación de Lugo, outras 28 entidades provinciais de toda España compraron tamén xa unha acción de Tragsa, entre elas as da Coruña e Pontevedra, unha decisión da que, explicou o Presidente, tamén se van poder beneficiar no futuro os concellos da provincia de Lugo que así o desexen, a través dun acordo coa institución provincial.
Deste xeito, o Goberno provincial vaille encargar á empresa pública Tragsa o mantemento dos traballos que ata o de agora viña realizando SUPLUSA, que basicamente teñen que ver co mantemento de zonas verdes en distintos puntos da capital, como, por exemplo, a contorna do río Rato, e do resto da provincia.
O encargo, neste mes
Segundo avanzou José Tomé, o encargo deste traballos “vaise producir antes de que remate este mes de decembro, para que a comezos do ano 2020, Tragsa se faga xa responsable da realización dos traballos de mantemento das zonas verdes”.
Para levar a cabo este encargo á empresa pública Tragsa, o Goberno conta co asesoramento dos servizos provinciais necesarios para a tramitación do expediente, como son Asesoría Xurídica, Contratación, Intervención, Medio Ambiente e Recursos Humanos. Todos eles, apuntou o Presidente, “coinciden en estimar que a mellor opción é o encargo á empresa pública Tragsa”.
Estes servizos están elaborando o expediente e facendo os informes preceptivos, dos cales a día de hoxe xa está elaborado o dos servizos xurídicos e o resto están en redacción.
Unha vez rematado o expediente e acordado o encargo dos traballos a Tragsa na Xunta de Goberno, que é o órgano competente para tomar este acordo, “informaremos axeitadamente a todos os traballadores e traballadoras da súa nova situación laboral, na que pasan de traballar nunha empresa pública, como é SUPLUSA, a outra empresa pública, como é Tragsa”, asegurou José Tomé.
Deste xeito, recalcou o Presidente, “co encargo que facemos a Tragsa, garantimos a totalidade dos 19 postos de traballo e tamén garantimos os mesmos dereitos laborais e salariais que teñen en SUPLUSA, dado que no encargo vai incluída a obriga da subrogación de todo o persoal en igualdade de condicións”.