Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo entra no accionariado da empresa pública Tragsa

 Lugo, 17 de decembro de 2019. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, formalizou este martes en Madrid a compra dunha acción da empresa pública Tragsa coa que o grupo pasará a ser medio propio instrumental e polo tanto a institución poderá encargarlle actuacións de interese para a provincia, como sucede por exemplo con SEAGA e a Xunta de Galicia.

Esta adquisición prodúcese no marco da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que entrou en vigor en marzo do 2018, e traspón a normativa europea en contratación pública, establecendo a necesidade de que as deputacións provinciais e forais, os consellos e cabildos insulares participen no capital social de Tragsa para poder realizarlle encargos.

Na tarde deste martes o Presidente, acompañado da voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, asinou co Presidente do Fondo Español de Garantía Agraria, Miguel Ángel Riesgo, e a Directora de Coordinación e Accións Institucionais do Grupo Tragsa, Paloma López-Izquierdo, o título accionarial que convirte á Deputación en accionista. Deste xeito, Lugo súmase ás deputacións da Coruña e Pontevedra como unha das institucións provinciais galegas que estará habilitada para realizar encargos a Tragsa e Targsatec de proxectos, consultorías e outros traballos enmarcados no obxecto social do grupo.

O Grupo Tragsa, de capital social integramente público, está formado polas sociedades mercantís Tragsa e Tragsatec. Forma parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e do Sector Público Institucional, tendo a condición de poder adxudicador e medio propio personificado das administracións públicas que participan no seu accionariado. O accionista maioritario é a SEPI, que conta co 51%, seguido do FEGA cun 39%, a Dirección Xeral de Patrimonio (10%) e o resto de comunidades autónomas, cidades autónomas de Ceuta e Melilla, os sete Cabildos insulares de Canarias, os Consellos insulares de Mallorca, Ibiza e Formentera e a Deputación Foral de Álava, deputacións de Cuenca, Segovia, Pontevedra, Badajoz, Ciudad Real, Albacete, Córdoba, Ávila, Huelva, Girona, Cáceres, Teruel, A Coruña, León, Guadalajara, Soria e Lugo, que contan cunha acción cada unha. A día de hoxe, en total, o Grupo Tragsa, conta con un total de 50 accionistas.
O Grupo Tragsa conta en Galicia con máis de 1.000 profesionais, dos que en torno a 140 corresponden a traballadores e traballadoras da provincia de Lugo.

Exit mobile version