Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba o encargo a Tragsa do mantemento das zonas verdes coa subrogación dos traballadores

Lugo, 27 de decembro de 2019. Cumprindo co xa avanzado hai unha semana polo Presidente, José Tomé, a Xunta de Goberno aprobou na sesión celebrada este venres o encargo a Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, e con elo, a subrogación a esta empresa pública dos traballadores e traballadoras que viñan desenvolvendo este servizo para SUPLUSA, nas mesmas condicións laborais e salariais que teñen.

A Deputación pode facer xa o encargo porque o Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, pasou a ser medio propio instrumental da institución provincial tras a compra dunha acción formalizada ante notario en Madrid o pasado día 17 de decembro, co que pode encargarlle servizos ou traballos.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que, co fin de axilizar os prazos e que “Tragsa poida facerse xa cargo a principios de ano do servizo de zonas verdes e dos traballadores e traballadoras, o encargo á empresa pública faise inicialmente por 6 meses, coa previsión de renovalo en canto finalice este período”. O importe económico mensual que asumirá a Deputación por este encargo é de 68.675€ e os traballadores subrogados serán 20.

Con esta decisión, “cumprimos co compromiso manifestado por este Goberno de garantir os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos para SUPLUSA, un compromiso que o Presidente anunciou no propio Pleno celebrado o pasado 12 de setembro no que foi aprobado por unanimidade da Corporación a disolución da Sociedade Urbanística Provincial despois de que este ente mercantil perdese xa no 2018 a condición de medio propio a través dun acordo da Xunta de Goberno debido aos graves problemas que lle ocasionou á institución provincial no pasado mandato”, explicou Rivera.

Como avanzou tamén o Presidente, unha vez rematado o expediente e acordado o encargo dos traballos a Tragsa, a Deputación informará axeitadamente a todos os traballadores e traballadoras da súa nova situación laboral, segundo a que pasan de traballar nunha empresa pública, como é SUPLUSA, a outra empresa pública, como é Tragsa, coas mesmas condicións salariais e laborais.

“A nosa prioridade foi sempre garantir a totalidade dos postos de traballo e a integridade dos seus dereitos laborais”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social.

Exit mobile version