Lugo, 11 de decembro de 2019. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este mércores as bases do plan de emprego xuvenil para fixar poboación Prende! Bota raíces no rural relativas á primeira fase de formación. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e empadroados nos 58 concellos lucenses que teñen menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo na última década.
Segundo informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, o prazo de inscrición abrirase a vindeira semana, logo da publicación das bases na Base de Datos Nacional de Subvencións en no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A Deputación informará do día exacto de inicio do prazo para presentar solicitudes, así como de todos os pasos se vaian dando dentro deste plan.
A selección dos mozos e mozas beneficiarias farase mediante unha Comisión de Valoración que estará composta por tres empregados públicos da Deputación.
A avaliación farase en dúas fases: a primeira de acordo aos datos da documentación aportada (antigüidade de inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, idade e formación); e a segunda en base a unha entrevista persoal (actitude, idoneidade e motivación).
Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 13,45 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.
Despois desta primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.
Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
O plan Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de case 300.000 euros está financiado ao 92% con fondos europeos.
Plan de aforro enerxético Ilumin@
Tal e como xa avanzou onte o Presidente, José Tomé, a Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación do subministro e a instalación do material necesario para a posta en marcha de Ilumin@, un plan de aforro enerxético que prevé a substitución de preto de 3.200 puntos de luz nos 38 Concellos que decidiron sumarse a este proxecto. A Deputación investirá preto de 723.000 euros para levar a cabo un programa que, grazas á substitución de luminarias por outras de LED fundamentalmente de alumeado público exterior, permitirá un aforro conxunto de 62.000 euros ao ano, cunha redución de consumo do 63% nas instalacións nas que se actúa. A previsión é que os traballos poidan comezar a principios de ano.
Recuperación de terras
A Xunta de Goberno acordou así mesmo unha modificación das bases reguladoras do Programa de Recuperación e Incorporación de Terras abandonadas para a posta en produción de recursos agrícolas e gandeiros, co fin de ampliar o seu crédito en 42.500€, chegando así aos 142.500€. Deste xeito, poderanse atender as 93 solicitudes presentadas que cumpren os requisitos. Co crédito previsto inicialmente nas bases, de 100.000€, 34 quedarían sen axuda. O Goberno tomou esta decisión porque este programa enmárcase na súa estratexia prioritaria de apoio ao sector primario para o mantemento da actividade económica no rural.