Ambas partes abordaron as liñas de colaboración en marcha nunha xuntanza na que participaron, entre outras persoas, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; e directivos da OPP e de Porto de Celeiro: Eduardo Míguez, Jesús Lourido, José Novo e Sergio Blas -presidente e xerente de Porto de Celeiro, respectivamente-; e o patrón maior de Celeiro, Domingo Seijas.
Balseiro salientou que a Xunta publica anualmente esta convocatoria de axudas ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para dar apoio financieiro á actividade destas organizacións, “que xogan un importante papel na xestión da pesca, mellorando a comercialización dos produtos e exercendo as actividades pesqueiras de forma sustentable”.
O traballo desenvolvido nese sentido pola OPP-77 inclúe accións encamiñadas á promoción dos produtos da pesca do porto de Celeiro, xestión de cotas e frota dos asociados, organización de xornadas pesqueiras como punto de encontro do sector ou aplicacións para mellorar os procesos de trazabilidade.
Segundo destacou o delegado, Porto de Celeiro “é coñecido nacional e internacionalmente pola extraordinaria calidade dos produtos que comercializa”, con especial relevancia a pescada do pincho capturada pola frota celeirense, amparada co selo de pesca sostible Friend of the Sea.
Balseiro trasladou a aposta da Xunta por apoiar o reforzo das estruturas das OPP dado que son claves “no impulso da actividades pesqueiras viables e sostibles”. Nese sentido, lembrou que as axudas concedidas pola Consellería de Mar nesta convocatoria anual poden destinarse a financiar tanto o propio funcionamento da organización como as accións en beneficio do sector, sempre que estean recollidas no plan.
Entre outros, son conceptos subvencionables os gastos de persoal, a contratación de empresas externas ou profesionais independentes, obras e adquisición de bens e subministracións, convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, ou gastos derivados de feiras, congresos, cursos, reunións, xornadas ou eventos semellantes.