Ribadeo, 23 de decembro de 2019. A comisión organizadora do Entroido ribadense ven de presentar a súa dimisión, tras comunicarllo ao alcalde, Fernando Suárez, e á concelleira de Cultura, Pilar Otero. Os seus membros alegan cansancio, así como causas de tipo laboral e persoal.
Desde a comisión sinalan que “búscase relevo para organizar o Entroido en Ribadeo. É bo que despois duns anos de traballo as persoas cambien porque iso tamén implicará novidades á hora de deseñar o programa do Carnaval ribadense”.
E subliñan que “deixamos todo pagado, a situación económica da comisión está ao día e quedan 2.500 euros na conta para os vindeiros organizadores; hai 1.920 euros pendentes de cobrar do Concello, que é o 40% da subvención que percibimos neste 2019. E queda solicitada a subvención para o vindeiro ano, que podería oscilar entre os 4.000 e os 6.000 euros”.
Desde a comisión saínte agradecen “o traballo e o apoio de todas as persoas que de xeito totalmente desinteresado colaboraron co Entroido de Ribadeo ao longo dos últimos anos; e tamén a colaboración do Concello e das veciñas e dos veciños de Ribadeo. E aproveitamos para desexarlle moita sorte á vindeiro comisión organizadora do Entroido”.