O Deputado de Artesanía explicou que “presentamos por primeira vez fora do Centrad O Son do Tempo, da Pedra a Madeira, unha mostra de instrumentos musicais reconstruídos a partir dun estudo minucioso das esculturas en pedra que se conservan nos numerosos monumentos históricos da nosa provincia”.
A exposición que comezará así un percorrido por concellos de toda a Provincia. A colección é resultado dun traballo de investigación e formación que se ven realizando no Centrad desde hai décadas, coa implicación de artesáns, organólogos, historiadores da arte e músicos. Trátase dunha das coleccións máis importantes de instrumentos de corda dos séculos XII e XIII, cunha Giga, Rota, Cítola,Viola de perna, Viola de brazo, Zanfona e Organistro, entre outros.
“Trátase dun patrimonio moi valioso que se comparte con músicos e compositores a través dun servizo de préstamos temporal e que pode ser desfrutado por todos na exposición O SON DO TEMPO, DA PEDRA A MADEIRA no propio Centrad, pero que queremos achegar tamén as comarcas con iniciativas coma esta” destacou Efrén Castro.
O anuncio desta nova exposición tivo lugar no acto de presentación da XIII Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova que contou coa participación do Deputado de Deportes e Artesanía, Efrén Castro, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera e o Alcalde da Pontenova, Darío Campos.
A Feira, que se celebrará do 6 ao 8 de decembro, contará con 60 expositores de antigüidades e artesanía, chegados de diferentes puntos do Estado, de Portugal e de Francia, ademais de outras actividades como a IV Xuntanza de Motos e Coches Clásicos e demostracións ao vivo de diferentes oficios tradicionais: cestaría, zoqueiro, tear triangular, torno de madeira, forxa de ferro ou coiro.