A Coruña, a 17 de decembro de 2019. Coincidindo co arranque da poxa de interrompibilidade, a CIG continuou este martes o calendario de mobilizacións para esixir a aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o estatus específico das industrias electrointensivas. Un novo marco regulador da enerxía que permita superar o perverso sistema de adxudicación da interrompibilidade e reverter a crise na que se están sumidas este tipo de industrias e “que xa ten deixado un regueiro de peches, recortes da actividade produtiva, despedimentos, ERTEs, descolgues salariais, inaplicacións de convenio e mesmo a paralización das inversións comprometidas”.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a poxa que hoxe comeza supón “un novo capítulo da incapacidade do Goberno español” que segue sen aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, cando xa transcorreu un ano da publicación do Real Decreto 20/2018 que estabelecía un prazo de seis meses para a súa elaboración. “Non vale que agora o PSOE se escuse no feito de ser un goberno en funcións para non sacar adiante a necesaria tarifa industrial”, aseveraba Carril.
Insistiu en que, de igual xeito que se aprobaron pola vía de urxencia, mediante reais decretos, medidas lesivas para a clase traballadora que supuxeron duros recortes laborais e salariais, “non nos cremos que non existan mecanismos legais para sacar adiante un novo marco regulador da enerxía”.
A este respecto, Carril advertiu das negativas consecuencias que pode carrexar esta poxa ao estar recortada á metade nos importes e na potencia a adxudicar. Neste contexto, apuntou tamén á responsabilidade do PP na situación actual e criticou o discurso fácil, sen ofrecer alternativas, que adopta Feijoo en Galiza “á hora de afrontar un proceso que se pode volver tráxico, atendendo a que o resultado da poxa pode servir de escusa ás empresas para precipitar medidas de axuste de persoal e recortes de produción”.
Incerteza nas fábricas galegas
A falta dunha regulación máis estábel e competitiva é utilizada por Alu Iberia para manter paralizadas as inversións comprometidas na planta da Coruña; deixa na incerteza absoluta o futuro do complexo de Alcoa San Cibrao; e está sendo usada por Ferroatlántica para, entre outras cuestións, non retirar os ERTEs das fábricas.
Sobre a situación das plantas de aluminio, o secretario xeral da CIG advertiu que a constitución da mesa de traballo para Alcoa San Cibrao -que por fin ten data de reunión para mediados de xaneiro-, está chamada ao fracaso “se non se desenvolve o estatuto electrointensivo. Desa mesa non sairá ningunha solución viábel nin garantías de futuro se non hai unha tarifa estábel e competitiva”.
No mesmo senso, denunciou que a día de hoxe nada se sabe das actuacións do Goberno para esixir a Parter Capital que poña en marcha o plan de inversións na fábrica da Coruña, que segue sen data para o arranque da electrólise, a expensas da nova regulación da enerxía.
Porén, Paulo Carril matizou que, en tanto non haxa estatuto, as empresas non poden pretender afrontar esta situación con medidas lesivas, empeorando as condicións laborais ou ameazando á continuidade dos empregos. De feito, na proposta de tarifa industrial que a CIG ten elaborada dende hai máis de una ano, establécese que para acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.